As Oportunidades de Cambados empezaron con colas: «Filla, aproveita!»
AROUSA
As compras poden facerse no paseo da Calzada ata o sábado
15 ago 2024 . Actualizado a las 20:03 h.As doce da mañá de hoxe, o paseo da Calzada, en Cambados, converteuse nunha mestura de persoas, de todas as idades, á busca das mellores gangas entre os máis de vinte postos que ocupan o espazo.
Ao entrar na Feira de Oportunidades o primeiro que chama a atención son as largas colas que hai na entrada do espazo e se prolongan ata os postos nos que se instalaron os comercios que participan nesta cita. As tendas de deportes son as que tiveron máis éxito e onde hai máis tumulto. Tamén hai postos con produtos como roupa náutica, vestidos de gala, calzado, mel e pan de todo tipo para os mais esfameados. Non faltan os postos do Club Juventud Cambados, GaliciAME e Grand Jeté, que aproveitan este foro para recadar fondos, e Guimatur tamén está presente cun pequeno espazo.
«Comprei unhas zapatillas de New Balance súper baratas», explicaba un rapaz aos seus amigos que intentaban mirar o prezo do calzado nos distintos postos. «Filla aproveita!», dicía unha nai mentres a rapaza non sabía se mercar ou non un vestido. Outro dos lugares ateigados de persoas é a caseta literaria que ofrece libros infantís para os máis pequenos. Na Calzada tamén se pode encontrar un posto de xoias, xogos de saténs moi rebaixados e roupa de marcas como Tommy Hilfiger, con descontos do 50 %. As ofertas seguen vixentes ata o sábado pola tarde.