«Chouf le ciel», de Colokolo, é o prato forte do terceiro día da festa da risa

RAQUEL COCAÑO / B.C. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Los usuarios del centro Con Eles se sumaron ayer al Festaclown por las calles de la ciudad
Los usuarios del centro Con Eles se sumaron ayer al Festaclown por las calles de la ciudad MONICA IRAGO

Segue a oferta musical coa verbena Olympus na avenida da Mariña

21 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A carpa do circo segue cubrindo as rúas de Vilagarcía durante as Festas de San Roque para dar cobertura aos espectáculos máis sorprendentes, animados e coloristas do Festaclown. Precedendo á xornada de hoxe, mércores, a música encheu as rúas da cidade, principalmente a praza de Galicia, para anticipar as risas e o ritmo que acompañarán aos arousáns durante toda esta semana. Hoxe, a xornada vén marcada por catro citas que traerán á cidade a personaxes como a bandoleira galega Pepa A Loba, aos divertidos superheroes da compañía Muu ou a un El Segurata, que tanto vixía un centro comercial como entretén ao público cos seus números de maxia. E a compañía marroquí Colokolo representará na Praza da II República o seu espectáculo de circo acrobático Chouf Le Ciel, que se estrea en Galicia. O día rematará con música e baile cunha verbena da orquestra Olympus na avenida da Mariña.

As actuacións darán comezo ás 11 horas no parque Miguel Hernández, coa proposta de Cris Collazo, Pepa a Loba. Collazo é unha artista que medrou no berce dunha aldea chea de fábulas, contos e cantigas que influíron na súa formación e no seu entendemento. No 2012 viaxou ao Brasil, onde se afianzan as súas inquedanzas sobre o teatro infantil e a dramatización dos contos coa compañía Arte Livre, feito que converte o espectáculo nunha cita orientada aos nenos de entre tres e sete anos.

Ás 12.30 horas na praza da Ravella, e para un público maior de catro anos, un Segurata será o encargado de que ninguén toque o material do mago namentres este está ausente. Será capaz de conseguilo —ou non— na estrea da proposta en Galicia. Pola tarde, ás 19.30 horas, na praza de Galicia, a compañía Muu presentará aos seus dous superheroes, con Crunch 2.

Ás 21 horas, os asistentes terán onde elixir, pois haberá un pasarrúas pola cidade da man do grupo de gaitas e baile Mar de Arousa de Bamio mentres o grupo Colokoló amosará o seu espectáculo Chouf le Ciel, estreándose, tamén, en Galicia. Malabares, acrobacias, danza e explosivos voos de altura sorprenderán a todos os que se atopen na praza da II República para observar o show. Finalmente, ás 22.30 horas na avenida da Mariña, a orquestra Olympus poñerá o broche ao día cunha verbena popular.