O talento local volve á escena en San Roque coas actuacións de Vicky Longa e Somoza Trío
AROUSA
O Festaclown social ofrecerá o espectáculo de monicreques «A Nena Lentella» e os Superroquiños un de acrobacias
22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O talento local volve centrar o protagonismo nas Festas de San Roque hoxe, xoves 22 de agosto, cunha nova sesión do programa Son da Casa!. Nesta ocasión, a calidade artística e a variedade musical dos grupos de Vilagarcía porase en evidencia cos concertos que Vicky Longa e Somoza Trío ofrecerán pola noite na contorna de Vista Alegre. A maiores, o Festaclown continuará repartindo risas e asombro cos catro espectáculos de pallasos, acrobacias e monicreques que desenvolverán en sesións de mañá e tarde as compañías Olga Abad, A Vela Circo, Cirkompacto e Ameba Teatre.
Axenda de hoxe
Dando comezo ás actividades de hoxe, ás 11 horas terá lugar no parque Miguel Hernández a narración A Nena Lentella da man de Olga Abad. Unha narración oral con monicreques orientada a nenos de entre tres e sete anos. Ás 12.30 horas, na praza de Ravella, os Superroquiños exporán, dende o humor e o circo, un espectáculo que toma punto de partida ao casar dous pallasos. Unha decisión que se amosará a través de clown, equilibrios sobre torta, manipulación de obxectos entre veos e o lanzamento olímpico do ramo nupcial.
Xa pola tarde, ás 19.30 horas, a praza de Galicia será o escenario sobre o que Cirkompacto amosará a súa proposta Mal de Tontos, na que se atreven a encarnar a dous diaños que farán que o público se pregunte en que medida lles pertence a súa propia vida.
Ás 21.00 horas conflúen diversas actividades, pois haberá un pasacalles polas rúas da cidade da man do grupo de gaitas e baile Nós de Sobradelo, mentres que na praza da II República Cataplúm! é a estrea en Galicia da compañía Ameba Teatre. Ademais, ás 21 horas tamén, no contorno de Vista Alegre, Vicky Longa ofrecerá un concerto no que se observará un set de guitarras e voces atmosféricas. O escenario será compartido con outro artista, o músico e guitarrista Pedro Falcón.
Para rematar a xornada, ás 23.00 horas e no mesmo contorno desta última sesión, Somoza Trío dará o seu concerto mesturando versións do pop, soul, reggae, funk e blues dos oitenta e noventa con algunha pincelada de temas actuais. Fran Leiro, batería e voz, conta cunha longa traxectoria como músico de directo de importantes bandas do pop-rock venezolano, e Pablo Somoza, guitarra e voz, traballou como músico de sesión e actualmente é artista de directo traballando con Javier Gurruchaga, entre outros.