Sete empresas presentan ofertas para construír o novo centro de saúde de Vilagarcía cun orzamento de 19 millóns
AROUSA

O Goberno galego prevé iniciar a finais deste ano 2024 estas obras
22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta ten recibido sete ofertas de empresas para executar as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía, unha obra que suporán un orzamento de 19 millóns de euros, segundo explicaron dende o departamento autonómico. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é a encargada da construción deste novo inmoble público, seguindo a encomenda realizada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). O Goberno galego prevé iniciar a finais deste ano 2024 estas obras.
Segundo explican dende a Xunta de Galicia, as instalacións ocuparán unha superficie construída de 8.300 metros cadrados e terán forma de dobre U, xerando deste xeito dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte, a Avenida da Mariña e a rúa Elpidio Villaverde.
Nestas novas prazas xogará tamén un papel moi importante a vexetación, que se disporá tanto nos percorridos peonís como na zona viaria, e servirá como nexo de unión coa zona do porto. O peche exterior executarase con celosías elaboradas con madeira de batea que filtran a luz natural e preservan a privacidade, mentres que as salas de espera e áreas comúns do edificio acondicionaranse con espazos vidrados con control solar e madeira vista no interior, que buscan conferir ao edificio un carácter máis amable.
No que se refire á distribución do mesmo, o plan funcional establecido para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa prevé chegar ás 18 consultas de medicina xeral (catro máis con respecto ao actual centro de San Roque), outras 17 consultas de enfermería (catro máis), seis consultas de pediatría e cinco de enfermería pediátrica (dúas máis).
As instalacións contarán tamén con dúas consultas de odontoloxía, dúas de hixienista dental, dúas de fisioterapia, unha de nutricionista, outra de psicoloxía, 1 consulta da muller, dúas de matrona, unha de rehabilitación, cinco de docencia e tres consultas polivalentes; ademais de salas de técnicas, de toma de mostras, lactancia, educación para a saúde ou de rehabilitación.
Pola súa banda, a área do PAC disporá de dúas salas de espera independentes, área de respiratorios, tres consultas de medicina, dúas de enfermería, unha de reanimación e unha máis de observación. Trátase de crear un espazo que facilite tanto o traballo do persoal sanitario, como procurar o benestar dos usuarios que van ser atendidos.
Segundo a Xunta, a nova infraestrutura conta cun deseño que prima tanto a calidade como a funcionalidade.