O PSOE denuncia o estado «lamentable» do colexio da Illa e pide o seu arranxo en sede parlamentaria

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Denuncian que a Xunta fai oídos xordos ás peticións do Concello

03 sep 2024 . Actualizado a las 17:35 h.

O grupo parlamentario do PSdG-PSOE defenderá este mércores en comisión parlamentaria unha proposición non de lei relativa ao CEIP Torre de Illa. Denuncian que «a Xunta ten abandonado este colexio xa que nunha década non fixo nel ningún tipo de actuación de mellora nin acondicionamento, polo que se atopa nun estado lamentable e que atenta contra o dereito dos alumnos a unha atención educativa de calidade». Todo iso a pesar de que ser un centro «de referencia educativa», din os socialistas, acadando no ano 2022 o premio «Buenas Prácticas en centros docentes» do Ministerio de Educación.

Os socialistas indican que a precariedade deste colexio, construído nos anos sesenta, vén sendo denunciada desde hai anos polo Concello da Illa de Arousa «sen que exista por parte do Goberno galego ningunha resposta».

Ante esta situación, instan a adopción dun acordo para executar con urxencia unha actuación integral no CEIP Torre Illa, en concreto, a rehabilitación das seis casas dos mestres co fin de poder ser utilizadas como espazos complementarios (comedor, almacén...) e o acondicionamento dos tres pavillóns que forman o complexo educativo: arranxo de humidades, mellora do illamento, substitución da cuberta de uralita, obras necesarias para garantir a accesibilidade, substitución dos aseos e cambio do depósito.