Cambados organiza un concurso escolar para toda Galicia polo Ano Asorey, que pechará cunha mostra na Cidade da Cultura
AROUSA
O Concello da vila do albariño convida os estudantes da comunidade a coñecer a gran figura da escultura do país reinterpretando a súa obra. Ademais, organizará un ciclo de charlas sobre a primeira grande exposición feita sobre o artista, na súa localidade no ano 1994
27 sep 2024 . Actualizado a las 16:14 h.O concelleiro de Cultura de Cambados, Liso González, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, anunciaron onte na vila do albariño as novidades da programación do Ano Asorey, dedicado ao maxistral escultor cambadés.
A primeira delas é a apertura dun concurso aberto a todos os centros escolares de Galicia, que baixo o nome Reinterpretando a Asorey, pretende fomentar o coñecemento do artista entre os estudantes da comunidade. Con tres categorías, por idades, pídese que os participantes reinterpreten obras do autor. A recepción de traballos pecharáse o 5 de decembro.
Liso González anunciou tamén dous obradoiros, o 5 e 19 de outubro, sobre o uso da policromía por parte de Asorey, un destinado a familias con nenos e outro para o resto da poboación. O concelleiro informou ademais dun ciclo de charlas sobre a primeira grande exposición feita sobre o cambadés, xa falecido, que comisionou na súa vila natal Adela Leiro con montaxe de Lino Silva, Manolo Paz e Paco Leiro. O Ano Asorey pecharáse cunha gran mostra da súa obra na Cidade da Cultura.