A escola de arte Caliveras de Vilanova incorpora este curso o «skate»

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Comeza as clases con máis dunha ducia de disciplinas e co obxectivo de crear canteira e profesionalizar o sector

30 sep 2024 . Actualizado a las 16:59 h.

A Escola de Arte Caliveras comeza hoxe a quinta edición con dez docentes. O curso iníciase coas materias de artesanía con coiro, teatro, batería, guitarra, baixo, piano, gaita, percusión tradicional, batucada, combo, iniciación á música, Pilates e manualidades e skate, estas dúas como novidades este ano. Con tal motivo, únese á familia de Caliveras Mariano BB, un skater e mestre cunha longa carreira dirixindo e impartindo skateboarding. As clases serán no pavillón de San Miguel de Deiro, que conta con ramplas e obstáculos instalados con este obxectivo.

Co skate, Caliveras dá un salto cualitativo no seu obxectivo de converterse nun centro de formación multidisciplinar, que atende ás demandas cambiantes da sociedade e que quere ser unha plataforma para crear canteira en diversas disciplinas, profesionalizar o sector dende as súas raíces e dinamizar un ensino de calidade con sistemas de aprendizaxe actuais.

«Cada curso contamos con máis alumnos que repiten ano a ano, o que enche de orgullo a calquera director. É de comprender xa que teño a sorte de ter un equipo de profes fantástico», segundo indica Nolo Chazo. Ademais das clases, para as cales xa están cubertas todas as prazas, Caliveras ten preparadas actividades complementarias como son as xornadas temáticas no Magosto, Samaín e Nadal, cursos de son e produción musical, obradoiros de artesanía, deseño de cartelería, fotografía e máis actividades que se coñecerán ao longo dos meses. «Non fai falta fachendear de número de matrículas para sinalar que Caliveras é un proxecto querido entre as familias que cren no noso modelo de ensino», apunta Chazo. E o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, non foi menos este luns á hora de loubar esta e outras iniciativas que están dinamizando a vida cultural de Vilanova.

A matrícula para Caliveras pode formalizarse a través de info@caliveras.com ou na recepción da escola luns e xoves pola tarde.