Xulio del Prado faise co título open do trixésimo Memorial Adolfo Pedrido de xadrez

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

O xogador do CX Ourense fixo pleno de vitorias

01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A trixésima edición do Memorial Adolfo Pedrido concluíu na tarde do pasado sábado co xogador do Xadrez Ourense Xulio del Prado campión, tras ser o único dos 97 competidores do cadro open en sumar os sete puntos en disputa nas outras tantas roldas celebradas ao longo do día no recinto feiral de Fexdega.

Del Prado, Mestre FIDE, repartiuse os 580 euros dos premios en metálico cos catro xadrecistas que remataron o certame con 6 puntos: o Gran Mestre uzbeko Ibragim Khamrakulov, Eduardo Cabanas, o Mestre FIDE Fernando Sánchez e Luca Rey, deportista do club organizador, o CX Fontecarmoa. Del Prado embolsouse 200 euros, 150 Khamrakulov, 100 euros Cabanas, 80 Sánchez e os 50 restantes Luca Rey.

A cita xadrecística de Vilagarcía de Arousa englobou tamén a penúltima proba do Circuíto Galego de Promoción, cos seus catro cadros de competición. No sub 8, o triunfo foi para o xogador do CA Escola Padrón Aldán Martínez, con 6,5 puntos dos 7 en xogo. No sub 10, Javier Lema, compañeiro de club de Martínez, levou o gato á auga con 7 puntos. David Álvarez, do CA Lucena, impúxose no torneo sub 12 con 6,5. E no sub 14, o primeiro posto levou o nome de Hugo Souto, do Xadrez Mos, facendo pleno. Entre o open e o circuíto de promoción, foron 210 os participantes no Memorial Adolfo Pedrido.