Do cartel que quere prohibir mexar

AROUSA

Colocado na traseira do consistorio do Grove, o anuncio reflicte o abandono deste lugar

06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O cartel, anuncio, admonición, advertencia, que ilustra esta columna está colocado no edificio consistorial do Grove, na descoidada fachada traseira. Non parece, incluso polo material plástico, digno dun inmoble que alberga a principal institución local. Esa fachada estrema cunha beirarrúa, estreita, que a separa dunha fileira de contedores de lixo achegados, nunha situación que agravia a aparencia do edificio. En fronte hai vivendas colectivas, un supermercado e ao carón un parque infantil. O cheirume nauseabundo, fétido, que invade o lugar non sei se emana dos residuos ciscados ou de que ese espazo, que dá a sensación de quedar agachado entre edificio e contedores, é utilizado por alguén para evacuar necesidades fisiolóxicas. Os viandantes foxen de alí e imaxino que os veciños non andarán ledos entre esa pestilencia.

O contido do letreiro é unha inmundicia maior que a da contorna. Empeza dicindo: «Prohíbese terminantemente». Caramba, que prohibición tan grande!. Todos entendemos o que significa o verbo prohibir como negar permiso para algo. O adverbio implica que non hai lugar a réplica ou discusión; pero sobra; porque prohibir non ten matices: non se pode prohibir un pouquiño. O «terminantemente», ademais de resultar un pleonasmo, transloce un autoritarismo deses de querer meter medo. Logo vén o castelanismo «orinar». Puideron utilizar o francés pipi, máis requintado. Ou sexa: está permitido no lugar realizar mil cousas, pero non mexar, ouriñar, facer augas menores. Poderase cagar? Esa palabra, «orinar», realzada en azul como prohíbese, é, máis que unha ofensa para o idioma, unha mostra de ignorancia ou dunha especie de vergonza. Debeulles parecer que escribir mexar non quedaba fino. O de sempre.

O anuncio continúa: o lugar onde prohibe mexar é «neste espazo público». E cal será?: a beirarrúa, a parede?. Deseguido, un, malpensado, matina: E logo noutros espazos públicos —paredes, beirarrúas— deste municipio poderán homes e mulleres mexar?. Estará prohibido só alí?.

O rótulo segue e di que esa prohibición afecta ás persoas. Puidese ser que cans e gatos soubesen ler e por iso queda aclarado que a prohibición afecta a homes e mulleres. Cans e gatos, que ouriñen. Especifica que vai referido ás persoas que non cumpran coa normativa de limpeza… A ver: Tratarase tanto dos que mexen como dos que cometan calquera outra infracción desa ignota normativa de limpeza?. Quizá unha desas infraccións será ter colocados múltiples colectores de lixo alí. Ben pensado, non debe ser iso porque o Concello, por pór un exemplo sen maldade ningunha, tamén ten situado un contedor en pleno BIC de Adro Vello, —a quen dará servizo naquel sitio, á Santa Compaña?— que ten bastante máis valor que a nosa kitsch Casa Consistorial. Ollo: ademais di o rótulo que esas persoas que non cumpran a normativa de limpeza —é de supoñer que tal regulamentación prohibirá mexar— serán fortemente sancionadas. Algunha vez sancionarían a alguén, aínda que sexa debilmente?. Porque alí, a parede do Concello —por fóra, claro— e a beirarrúa cheirar, cheiran.

Este letreiro, ben mirado, algún mérito ten: facilita que, por exemplo e sen querer ofender, sexa comprendido polos de Galicia Bilingüe que, espelidos, non terán dúbida de que é o que se prohibe. O castelán orinar enténdeno, aínda que, supoño eu, custaríalles un mundo asociar mexar con mear. Vai ser iso. Ademais, orinar soa máis refinado. Como se vai comparar con mexar!.