Carlos Blanco e Touriñán volverán a Vilagarcía con «Somos criminais. E punto (final)»
AROUSA
Actuarán os días 8 e 9 de novembro no auditorio municipal
05 oct 2024 . Actualizado a las 17:26 h.Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán estarán de novo en Vilagarcía o venres 8 de novembro e o sábado 9 para presentar o espectáculo Somos criminais. E punto (final), co que rematarán un dos proxectos máis exitosos do panorama teatral galego nas últimas décadas. As entradas xa están á venda, con prezos de 18 euros para as zonas A e B do auditorio e de 15 para a zona C. Poden adquirirse a través da plataforma ataquilla.com. No caso de non esgotarse, os tíckets venderanse na propia billeteira do auditorio dende dúas horas antes do inicio do espectáculo, neste caso sen gastos de xestión. A función do venres será ás 20.30 horas, e o sábado, media hora máis tarde, ás 21 horas. Blanco e Touriñán seguirán coa súa xira de despedida por toda Galicia ata o mes de xaneiro.
Seguindo a estela das anteriores edicións de Somos criminais, a obra propón un argumento que promete arrancar risas e sorrisos durante unha hora e media. Falta pouco máis dunha hora para a fin do mundo. En Galicia, unha nave, a Arteixo II, está a piques de despegar cuns poucos elixidos a bordo en dirección a un planeta onde empezarán unha nova vida. Os capitáns da nave, Blanco e Touriñán, son os encargados de que a evacuación se leve a cabo con éxito e de meter nesta Arca de Noé galega todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado, para que a nova terra á que emigraremos siga sendo... criminal.
A estrea será o 1 de novembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e, posteriormente, pasará por Vilagarcía, Cangas, Ourense, Lugo, Burela, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Narón.