Segunda vitoria do Concello de Cambados, 4-2 sobre o Seghos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

Sergiy Nigeruk volveu gañar os seus dous duelos

08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados, nova denominación do Cambados Tenis de Mesa, resolveu na tarde do pasado sábado o seu segundo partido de Liga de División de Honor asinando a súa segunda vitoria da temporada. Desta volta, co Seghos ETM de Segovia sucumbindo, 4-2, ao poderío do equipo que este curso adestra, capitanea e lidera o ucraíno Sergiy Nigeruk.

Como a semana anterior, a participación de Nigeruk foi sinónimo de dous puntos para o Concello de Cambados. O eslavo derrotou con contundencia a Libre Sancho, por 11-5, 11-7 e 11-3 logo de que o seu compañeiro Dani Casalderrey puxera o 1-0 no seu duelo de apertura con Daniel Sanz. O chinés Liu Ziming mantivo no partido o Seghos, sumando o terceiro punto en xogo, cun 0-3 a costa de Santiago Otero, e poñendo o 3-2 pasándolle por riba a Casalderrey. Entre un e outro puntos, Nigeruk levábase o gato á auga ante Daniel Sanz, e no sexto duelo, Santiago Otero decantaba a balanza no único punto no que se precisou do cuarto xogo, cun 11-9, 11-6, 10-12 e 11-9 ante Libre Sancho.