Motor Okasión anuncia nova edición no 2025 en Vilagarcía tras vender 95 coches e contar 2.700 visitas

P. Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A organización salienta que os once concesionarios presentes este ano selaron operacións desde a primeira xornada do salón de vehículos de segunda man

15 oct 2024 . Actualizado a las 19:37 h.

Encantado. Así se vía onte a Juan Lijó. O director de Motor Okasión acudiu a Fexdega a supervisar a desmontaxe e retirada de produto do recinto feiral tras a conclusión o domingo da undécima edición do salón do vehículo de segunda man de Vilagarcía de Arousa. Un operativo sen dúbida menos pesado cos números finais do evento na man.

«Vendéronse 95 coches e contamos 2.700 visitas», informa Juan Lijó. Cifras por debaixo das 114 operacións e as 3.800 visitas contabilizadas na edición anterior, pero que desde a organización do salón de vehículos de ocasión, seminovos e quilómetro 0 danse por «bos». E iso por canto, recorda Lijó, o ano pasado Motor Okasión contou cunha xornada máis de apertura ao público e, inda así, o volume de negocio mantívose na franxa media do salón, de 90-100 turismos, todocaminos e deportivos despachados.

«Temos claro que haberá duodécima edición en Vilagarcía», sinala o director da cita profesional. Máis aló da satisfacción da firma organizadora, OK Eventos, Lijó salienta a dos once concesionarios oficiais e multimarca presentes este ano con preto de 500 unidades no interior e exterior do pavillón de Fexdega: «Todos están contentos e nos adiantaron que queren repetir». Unha satisfacción que comezaba agromar xa ao termo da primeira xornada, cando todos os expositores conseguiran vender a lo menos dous coches. Ata tres concesionarios saíron de Motor Okasión con máis dunha decena de vehículos colocados aos seu novos propietarios.

A nivel de prezos, o director do salón informa de que o máis barato entre os 95 coches vendidos custou 9.000 euros, con dúas unidades entre os 65.000 e algo menos de 70.000 como operacións de maior volume.