O galego retrocede, pero segue a ser a lingua máis empregada no Salnés

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe de arquivo dunha actividade do Correlingua, a prol do galego.
Imaxe de arquivo dunha actividade do Correlingua, a prol do galego. M.MORALEJO

Perdeu dez mil falantes predominantes na bisbarra nos últimos quince anos

19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Transcorrida unha semana dende que o Instituto Galego de Estatística fixo públicos os resultados da súa enquisa estrutural sobre o coñecemento e o uso do galego, chega o intre de analizar a información polo miúdo. Os datos, correspondentes ao 2023, non se ofrecen por bisbarras, aínda que si por amplas áreas de cada provincia. Polo que atinxe ao Salnés, a lectura é común ás terras de Caldas. Xuntas, as dúas zonas acusan un descenso dos falantes que empregan sempre ou en maior medida o galego, aínda que, a diferenza do que sucede na conclusión xeral para Galicia, e tamén para a provincia de Pontevedra, seguen a ser maioría: un 57,62 por cento da poboación fronte ao 42,38 que declara falar só ou na meirande parte das ocasións castelán.

A caída dos galegofalantes dende a enquisa realizada no 2008 acada os 7,57 puntos, xa que daquela manifestábanse como tal o 65,19 % dos arousáns, 87.615 persoas que hoxe se reducen a 77.804. O galego, pois, perdeu dez mil falantes predominantes no Salnés en quince anos.

O medre do castelán no mesmo período é un paralelo case exacto. Nestes momentos, é o idioma máis empregado polo 42,38 % dos veciños da bisbarra, 7,57 puntos por riba do 34,81 % que amosaba o estudo do 2008. En números redondos, 57.233 persoas fronte a 46.784. O castelán gañou en quince anos máis de dez mil falantes.

Estes resultados permiten detectar algúns fenómenos que merecen unha análise en detalle. Así, paga a pena deterse no que sucedeu nos dez anos que median entre o 2008 e o 2018, coa lectura intermedia do 2013. No primeiro lustro, o galego retrocedeu de xeito moi acusado. Tanto, que practicamente reflicte a caída que se aprecia hoxe: entre o 2008 e o 2013 perdeu xa dez mil falantes para ficar coma lingua predominante do 55,57 por cento dos arousáns, moi preto da porcentaxe deste 2023.

Ocorre que na lectura seguinte, a que corresponde ao 2018, a enquisa do IGE recolle unha recuperación tan acusada coma o descenso primeiro. Aquel ano, a vantaxe do galego regresa no Salnés e en Caldas a cifras semellantes ás do 2008, como lingua máis empregada polo 63,40 % da poboación e un total 86.575 falantes. Haberá que pescudar que ocorreu de novo, nos cinco anos transcorridos dende entón, para que no 2023 ese camiño cara abaixo se repita.

O dato positivo, por buscar unha luz sobre a que traballar, indica que hoxe, polo menos, os galegofalantes son, aínda que por escasa marxe, máis cós que se recoñecían así no 2013, ano do primeiro baixón: un 57,62 % hoxe fronte o 55,57 que a enquisa amosaba daquela. Ou, o que é o mesmo, 77.804 persoas fronte ás 76.017 de hai dez anos.

A evolución na escrita é positiva, aínda que se duplica a porcentaxe de quen di descoñecelo

Entre os poucos datos que amosan unha evolución positiva para o galego en Caldas e no Salnés atópase o coñecemento da lingua a nivel escrito. O 68 % dos habitantes da bisbarra aseguran saber escribir en galego moito (25,16 %) ou bastante (42,84 %), unha porcentaxe que hai quince anos limitábase ao 63,5 %. Curiosamente, tamén se incrementa o número de arousáns que explican que os seus pais lles falaban en galego sempre ou en meirande grao que en castelán: hoxe son o 73,45 % cando no 2008 a porcentaxe quedábase no 69,42 %.

Con todo, outra das lecturas segue a ser preocupante. Trátase das respostas á pregunta polo coñecemento xeral do galego. A porcentaxe de quen contesta afirmativamente que moito ou bastante continúa en niveis moi elevados, un 90,13 %, aínda que perde case cinco puntos fronte ao 95,03 que amosaba a enquisa do 2008. O que realmente chama a atención é que a fracción de arousáns que din descoñecelo por completo ou ter unha idea moi lene se duplicase nos últimos quince anos, pasando do 4,97 ao 9,87 % da poboación do Salnés.

Só dúas bisbarras na provincia

Con iso e con todo, esta zona pode considerarse aínda unha reserva de predominio do galego. Sobre todo en comparación co que sucede no resto da provincia. A excepción da área nororiental de Pontevedra, onde é a lingua de preferencia para o 79,81 % da poboación, os galegofalantes só son maioría no Salnés. Tanto os medios urbanos de Pontevedra e Vigo (neste, apenas un 20,13 % da xente atopa no galego o seu idioma de referencia) coma O Morrazo e o sur provincial falan en meirande medida o castelán.