A proba, programada para o domingo 24 de novembro, será tamén Campionato Galego da especialidade
23 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Fundación de Deportes e o Concello de Vilagarcía de Arousa veñen de anunciar a apertura do prazo de inscrición na Media Maratón que leva o nome deste último. Unha proba que este ano se celebrará o derradeiro domingo do mes de novembro, día 24.
Os interesados poden anotarse desde xa na proba a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. O custe da participación é de 15 euros para os que se apunten antes do día 11 de novembro, elevándose a 20 euros a partir de entón e ata o final do prazo para inscribirse na carreira.
Desde a Fundación de Deportes de Vilagarcía de Arousa infórmase de que o trazado, de 21.097,50 metros, será homologado pola Federación Galega de Atletismo, outorgándolle así validez oficial ás marcas que fagan os seus participantes. E iso, tamén, polo feito de que a carreira servirá ademais de Campionato Galego da especialidade.
Con todo, a Media Maratón Concello de Vilagarcía está aberta tanto a atletas federados como populares, habendo tamén trofeos para os mellores entre estes últimos.
Con saída ás 10.30 horas desde a Praza da II República, a cita vilagarciá do 24 de novembro partirá cara Vilaxoán, con volta dos corredores para chegar ata Carril, á altura do cruce de Trabanca Sardiñeira, regresando a Vilaxoán para facer o mesmo circuíto por segunda vez.