










































A partir deste xoves sucédense as actividades por boa parte dos concellos da comarca
31 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Samaín xa está nas rúas. Onte saíu a Santa Compaña por Cambados e nos centros educativos viviron unha xornada de medo con iniciativas tan consolidadas coma a do Túnel do Terror do colexio de Dena. Pero é a partir de hoxe cando se rexistra a maior actividade.
En Vilagarcía prosegue o Curtas Festival do Imaxinario que este xoves incorpora ao seu menú animación nas rúas baixo o título Sons na penumbra e unha cea temática. Con Miguel Mosteiro aos fogóns e a xente de Clámide e de Nydia completando a ambientación coa que o Curtas pretende converter a Peixería no gran salón de baile inspirado na película O baile dos vampiros, dirixido e coprotagonizado en 1967 por Roman Polanski. Haberá sesenta prazas e o prezo do prato é de 40 euros.
Outra das citas da xornada está en Catoira, onde a Procesión das Caveiras meterase este ano no monte. A comitiva non só discorrerá polas rúas da vila, senón que tamén camiñará un pequeno treito por unha senda no monte «facendo máis real a sensación de ser case un desfile de ánimas», segundo indican desde o goberno local. A Escola Municipal de Teatro e a Banda de Música de Catoira completarán o cadro terrorífico. A saída será ás sete da tarde desde o pavillón de deportes e, dende alí, a rapazada e todas e todos os maiores que o desexen levarán as súas cabazas cunha luz no interior durante todo o percorrido. Para dar unha maior ambientación, o alumeado público das rúas polas que transcorrerá a peregrinación estará apagado.
En Cambados a festa trasládase esta tarde a Torrado convertendo o parque nun cemiterio; a nota musical correrá por conta do DJ Terror. A troula volve o sábado á praza de Fefiñáns a partir das cinco da tarde con Asacocirco, que despregará un espectáculo feito a medida para estes días. O domingo ás 17 horas haberá un desfile terrorífico desde o paseo da Calzada que rematará cun magosto en Fefiñáns.
Desfile tamén organizaron no Concello de A Illa para as seis desta tarde con saída na praza do Concello e con chocolatada ao rematar. Media hora antes, a cita está na sala de exposicións do auditorio, cunha visita guiada á exposición Constructo Variable Latente dun Instante que contará coa presenza dos autores Tina Otero, Isabel Ramírez e Manuel Muñoz, acompañados de Antón Sobral. O sábado ás 17 horas haberá baile de disfraces e o domingo (18.30 horas), proxección de A familia Addams no auditorio municipal.
En Meaño levan hoxe a festa ao pavillón de Xil e na Casa do Terror de Mosteiro (Meis) xa teñen todo preparado para recibir as cabazas, facer o percorrido Truco Trato e entregar os premios dos concursos de cabazas e disfraces.
Ribadumia celebra o Samaín no centro social de Barrantes onde a partir das 19.30 horas abrirá o Túnel do terror, haberá concursos de disfraces e de doces típicos, procesión da Santa Compaña, repartirase chocolate e poderase bailar co DJ Bruno Canario.
No Grove teñen esta tarde a partir das catro un concurso de cabazas na Praza de Arriba por iniciativa do club Breogán. A Noite Meiga que organizaba o Concello suspendeuse polo baixo número de inscricións.
En Valga celebran a partir das cinco da tarde no auditorio unha festa na que poden participar nenos e adultos cos seus disfraces. Haberá chocolate gratis e entregaranse os premios dos concurso de cabazas e de relatos.