Durante séculos, a nosa lingua sobreviviu no rural, desaparecida da escrita e dos poderosos
03 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A fortaleza do galego, como a do resto das linguas, vai unida ao que a sociedade percibe como poder, nun amplo sentido. O noso idioma pasou por todo. Neste momento, cando debería gozar de tranquilidade e que nos gabaramos del, iniciou unha volta atrás: fálase menos e os mozos, un algo coitados, víranlle as costas. E iso que agora ten, por lei, á Administración pública, —Xunta, concellos— como adaíl, obrigada a usalo e protexelo, pero neste mundo globalizado e dominado por grandes forzas económicas, se a sociedade percibise esas institucións como auténtico poder, non dubidaría en falar galego.
Non é a primeira vez que o poder político emprega o galego. Nos castros, e antes, falábanse idiomas que se foron mesturando e substituíndo polo latín, utilizado por soldados, comerciantes e burócratas de Roma. Esa mestura dou lugar á distinción entre latín e romance xa polo século V, coincidente co declive do Imperio. O mesmo ocorreu do Douro para arriba: dese Norte saíron as actuais linguas ibéricas, incluso o castelán que se foi estendendo cara ao Sur. O galego, mentres tanto, era dominante, lingua de reis, vivindo a súa etapa de esplendor, empregado na fala sen distinción de clases sociais e nas linguaxes administrativa e literaria, dando lugar a un corpus universal coas Cantigas, —de amor, de amigo, de escarnio e maldicir, e relixiosas como as de Santa María—, pero tamén coa prosa dos Miragres de Santiago, a Crónica Xeral Galega ou a de Santa María de Iria. Despois, ano 1143, o reino tronzouse polo Miño; Portugal conquistou do Douro cara ao Sur e desenvolveu libremente o idioma, mentres Galicia foi domeada por Castela, perdendo poder e entrando en decadencia: introducíronse foráneos para exercer as potestades real e eclesiástica e o castelán pasou aquí a ser lingua do Rei, dos nobres, da xustiza, da Igrexa, dos mosteiros, do ensino e da cultura. O galego desapareceu da escrita e da fala dos poderosos; cara ao remate do século XV viñeron os Séculos escuros para ela. O castelán imperou, non na fonoloxía, senón no léxico, creándose, incluso, unha variedade lingüística que é o castelán de Galicia —dise castrapo, non?— diferente do falado noutros lugares e que é fala materna nalgúns barrios urbanos. O galego sobreviviu no rural, lonxe do poder.
No século XVIII Frei Benito Xerónimo Feijoo e o Pai Sarmiento, que pedía o uso relixioso e o ensino en galego, déronse conta da situación. Logo viñeron Rexurdimento, Irmandades, Galeguismo. Pero no XX xurdiron potentes inimigos: emigración, cidades alimentadas polos aldeáns, industrialización neses núcleos e abandono do rural, aparición dunha burguesía españolista industrial, mercantil e financeira. As clases medias percibiron ao galego como idioma dos pobres e vincularon ascenso social con castelán. Despois naceu Galaxia, na Universidade apareceu o galego como materia en Filoloxía Románica, en 1971 creouse o Instituto da Lingua Galega e no ano seguinte Carballo Calero foi nomeado catedrático de lingua e literatura galegas. Simultaneamente, os pais falan castelán cos fillos e prensa, radio, cine, televisión e Igrexa fortalecen tal idioma. A Constitución de 1978 permitiu que o galego fose cooficial; desde 1980 está no sistema educativo; en 1981 o Estatuto de Autonomía recoñeceuno como lingua propia; en 1983 aprobouse por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística; catro anos despois xurdiron a Radio Galega e a TVG. Agora, coa globalización e con internet afogando o galego, a mocidade substitúeo por un castelán acastrapado, sobre todo en ámbitos urbanos.
Non obstante, parece que a clase política quere despertar, os literatos galegos son recoñecidos —Manuel Rivas, Chus Pato, Iolanda Castaño— e nunca houbo xeracións tan formadas lingüisticamente. Falta tanto que a sociedade crea que o galego é lingua de poder, como que o crea o poder.