O Pazo de Vista Real completa o mapa de polos de emprendemento da Xunta de Galicia
AROUSA
A apertura da última planta aumenta a oferta de formación e de viveiro laboral e empresarial do inmoble do Concello de Vilanova. Galiwonders, ROPI4 ou Bodegas Albamar dan conta das bondades do novo servizo, a cargo da Consellería de Emprego
14 nov 2024 . Actualizado a las 19:44 h.Desde o ano 2011, o Pazo de Vista Real non deixou de incrementar a súa oferta de cursos, obradoiros e programas de formación e de orientación destinados tanto a traballadores coma a persoas dispostas a materializar un proxecto empresarial en mente. A incorporación do inmoble ao patrimonio do Concello de Vilanova de Arousa unha década atrás pechou o círculo coa apertura onte, na segunda e última planta do Pazo de Vista Real, do décimo quinto polo de emprendemento da Xunta de Galicia que vén completar a rede que en xullo do 2022 comezaba a tecer a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Un servizo destinado a prestar, de xeito gratuíto, apoio e asesoramento a quenquera que desexe montar un novo negocio no país ou consolidar o que xa teña en funcionamento.
O titular do departamento autonómico, José González, asistiu ao acto de inauguración do novo uso do último andar do Pazo de Vista Real, remodelado nos últimos meses para axeitalo ás minimalistas necesidades materiais dos polos de emprendemento, nos que o miolo do servizo público se concentra no coñecemento e guía prestadas polos profesionais que a Xunta pon a disposición dos seus usuarios a fin de levar a bo porto os seus novos negocios ou proxectos de expansión. «Temos unha rede de 15 polos que, agás o de Ferrol, se reparten polo territorio fóra das grandes cidades, nos que levamos prestados asesoramento a máis de 2.800 proxectos en diferentes fases e máis de 7.500 titorías», sinalou o conselleiro, que salientou a intención do goberno galego de empregar os polos de emprendemento para «resolver problemas do territorio: conseguir que máis persoas se asenten nel producindo valor engadido e loitando contra o despoboamento e o envellecemento do territorio, pero tamén conseguir a remuda xeracional de negocios tradicionais, como carnicerías ou panadarías, que hoxe corren risco de pechar por non haber quen queira seguir con eles».
A carón de José González, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, amosouse encantado coa apertura do último polo de emprendemento en Vista Real: «É un orgullo, e cumpre todas as condicións do acordo plenario que, por unanimidade, decidiu converter Vista Real nun espazo de promoción do emprego. Coa apertura da última planta convértese nun referente na comarca en servir de espazo de formación, de promoción e de creación de emprego. Aquí vén moita xente tamén do outro lado da ría aos cursos e obradoiros que se fan en Vista Real».
Durán interveu antes da mesa redonda na que tres emprendedores, os pontevedreses Sabela Gippini (Galiwonder-Nomad Tribe) e David Rodríguez (Ropi4) e o cambadés Xurxo Alba (Bodegas Albamar), falaron das súas experiencias noutros polos de emprendemento ante o público asistente á inauguración, entre o que figuraban representantes do empresariado da comarca. O alcalde vilanovés salientou a relevancia de ferramentas como o polo aberto en Vista Real, e prometeu grandes retornos desde Vilanova: «Hai que conseguir que o emprego sexa de máis calidade e estable. Iso faise con empresas fortes, e iso conséguese con boa formación. Quen ten que apoialo? A Xunta. A Xunta apostou por Vilanova de Arousa. Acertaches, conselleiro. O futuro vainos dar a razón e imos conseguir grandes resultados co tempo».
BODEGAS ALBAMAR
A adega arousá que pasou a exportar a 30 países
O cambadés Xurxo Alba estudou primeiro un grao de FP de Vitivinicultura e, máis tarde, Enxeñaría Agrícola para acabar relevando os seus pais á fronte de Bodegas Albamar. Empresa pioneira na modernización do sector na década dos 80, as novas ideas e a dedicación de Xurxo conseguiron colocar a oferta da adega arousá en 30 países, cunha produción de máis de 100.000 botellas ao ano e a Casa Real Noruega entre os compradores dos seus viños. O cambadés, que traballa coa rede de polos de emprendemento da Xunta na expansión do negocio, pon o foco no «descoñecemento e a necesidade de que se informe máis destas axudas» pola Administración, e dá a receita para levar a bo porto calquera idea: «Paixón, constancia, insistencia e crer no proxecto».
ROPI4
Mapas en relevo e lámpadas de pementos de Padrón
Tras varios anos traballando por conta allea e desde sempre «con moitas ideas na cabeza», o pontevedrés David Rodríguez veu chegado o momento de montarse pola súa conta. De aí naceu a idea de Ropi4. Un proxecto en fase de execución no que mestura desde a confección de mapas en relevo ou lámpadas en formas da natureza galega, como follas de carballo ou pementos de Padrón, ata cursos de formación sobre ciencia para nenos. Tras avanzar nos últimos meses da man do polo de emprendemento de Silleda, Rodríguez comezará en breve a facelo co de Vilanova para continuar co acompañamento dos titores da Xunta. O pontevedrés salienta a importancia de dispoñer dunha rede de apoio como esta, que lle permite, ademais, «contactar con outros emprendedores».
GALIWONDERS-NOMAD TRIBE
Atraer nómades dixitais á costa e ao rural de Galicia
Galiwonders é unha axencia de viaxes dedicada á xestión de experiencias no Camiño de Santiago para turistas. Sobre a base de coñecemento adquirida, a súa impulsora, a pontevedresa Sabela Gippini, falou na mesa redonda de usuarios dos polos de emprendemento da Xunta de Galicia de Nomad Tibe, unha spin-off de Galiwonders «orientada a facilitarlles a nómades dixitais —profesionais altamente cualificados que teletraballan a centos ou milleiros de quilómetros das oficinas das súas empresas— a súa instalación na costa, no rural ou en cidades de Galicia». Gippini, que ata hai uns meses se axudara doutro instrumento público de apoio a emprendedores, Turislab, salienta o valor deste tipo de soportes para superar «a soidade, o maior atranco para un emprendedor», di.