Da Administración con mañas de ocupante

AROUSA

MARTINA MISER

É preciso que nas sedes do Estado se fagan realidade e se recoñezan os dereitos lingüísticos dos galegos

24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei vostede, lector, pero eu, galegofalante desde o berce, vivín como nun plano dobre: espontáneo e sen dobreces no círculo onde falaba galego, e cunha estrutura mental diferente nos lugares onde había que expresarse en castelán —determinados ambientes, escola, igrexa, Universidade, policía, Administración, banca— ámbitos que percibía alleos e intimidatorios. Sempre me gustou saber de temas relacionados coa lingua e ao ir medrando fun perdendo medo ao darme conta de que na maioría deses lugares expresábanse sen falar propiamente castelán senón un castrapo, que na forma e na fonoloxía viña sendo dialecto do galego, como se permanentemente estivesen, que traballo, traducindo mal. Un proceso de madurez debería levar aos falantes desa xerga a relacionárense no noso idioma; pero aí seguen, como esmagados por xigantescos mazos de batán que os apoucan facéndoos falar desa maneira peculiar que, no fondo, non representa dominio dunha lingua, nin autenticidade e transloce a sensación falsa que ata hai ben pouco aparecía como significado de gallego nalgúns dicionarios. Canto ganarían se se librasen desa interminable tarefa de sísifos. O emprego de castelán e castrapo axuda a manter a impresión de que en Galicia houbese como unha potencia ocupante que se distinguise por impor de facto o castelán, e que a xente, guiadiña e preguiceira, non quixese problemas co poder por mor da lingua. Como dicindo, con retranca, claro: parecen burros eles, semellemos burros nós. Aínda hoxe, acudir ás sedes da Administración Central —Policía e Garda Civil, delegacións de ministerios e organismos do Estado, Igrexa, Axencia Tributaria— para exercer dereitos ou cumprir obrigas faise en castelán porque é penetrar nos lugares onde se percibe o poder. Non podemos seguir así: é preciso que neses espazos se fagan realidade e se recoñezan os dereitos lingüísticos dos galegos, incluso para sentírmonos cómodos neles. Galicia, polo que sexa, é parte do Estado español, pero o aparato estatal ten que respectar e facer respectar os dereitos dos galegos. A Constitución recolle que o galego é lingua oficial —incluso nas dependencias do Estado—; o Estatuto de Autonomía, obriga en toda a Comunidade Autónoma —ata nos cuarteis—, e engade un plus ao dicir que é a lingua propia. A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, Tratado Internacional, obriga ao Estado a vixiar —non o fai—, que as súas autoridades en Galicia empreguen o galego, que os galegos se poidan dirixir a esa Administración en galego —dificúltao—, que esa Administración redacte documentos en galego —non os vexo—, que o Estado utilice os topónimos galegos —que ridículas retesías con Sanxenxo e A Toxa—. A Lei de Procedemento Administrativo establece como dereito o uso do galego e que os membros da Administración Central teñen que tratar aos galegos con respecto e deferencia e facilitarlles o exercicio dos seus dereitos. A Lei do Dereito de Defensa, entrará en vigor en decembro, amplía a posibilidade de uso do noso idioma nos tribunais, e especificamente, no Tribunal Supremo e na Audiencia Nacional. Leis e dereitos hai a moreas e claros, pero non se aplican. Nin se exercen. Ademais, se acudimos á Historia, o Estado español, nacido polo século XVI, xurdiu bilingüe en Galicia —sobreviviu tetralingüe en todo o territorio— e dou lugar ao que é hoxe e do que fachendean sectores que só quixeran falar castelán, desprezando ese berce. Quen queira gabarse desa historia tería que considerar linguas estatais ao galego, o éuscaro e o catalán. Non hai ningunha razón para que o Estado deixe de ser tetralingüe, por exemplo, como Suíza, con tres linguas oficiais en todo o seu territorio. Un Estado con catro linguas facilitaría a igualdade e que todos os españois tivesen nocións deses idiomas. Así na cidadanía xurdiría o sentimento de ser parte dunha rica realidade plurilingüe. Aquí provocaría orgullo do galego e ninguén tería a sensación dunha Administración allea, ocupante. En todo caso é necesario que o Estado recoñeza de feito e xa os dereitos lingüísticos dos galegos sen termos que esixilos día si, día tamén. Quédannos forzas, pero é esgotador.