De que sigamos a ter Boas Festas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

As celebracións do Nadal mentres noutros moitos lugares do planeta seguen en guerra
As celebracións do Nadal mentres noutros moitos lugares do planeta seguen en guerra MONICA IRAGO

Cincuenta e seis guerras agora mesmo: a xenética humana ten que ser defectuosa

29 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días as rúas énchense de luciñas e as principais preocupacións de Occidente son o consumo e as celebracións. Soan, incesantes, panxoliñas. Noite de Paz. Desde 2014, Rusia contra Ucraína, trescentos mil mortos. Noite de amor. Desde 1948 Israel contra Palestina, Líbano, Irán, Siria, douscentos corenta e seis mil. De esplendor sen igual. Desde 1948 birmanos entre si, cento oitenta mil. Doce, prácida noite inmortal. Desde 2002, Magreb: Sahel, Níxer, Burkina Fasso, Mali, setenta mil. Que nos enche de felicidade. Desde 2023, Sudán, cento cincuenta mil. Porque naceu Xesús. Desde 2018 Etiopía, Eritrea e Sudán, seiscentos mil. Nesta noite de paz. Desde 2006, México, catrocentos sete mil. Noite de paz, noite de amor. Somalia e Quenia, desde 1991, un millón. Todo dorme arredor. Desde 2009, Nixeria, Camerún, Níxer e Chad, trescentos setenta e tres mil. Pastoriños que vindes cantar. Siria, desde 2011, seiscentos once mil. Ó Neniño ides espertar. Haití, desde 2019, oito mil. Dorme o neno Xesús. Congo, Ruanda, Burundi e Uganda, desde 2004, cento tres mil cincocentos. Durme o neno Xesús. Colombia e Venezuela, desde 1960, catrocentos cincuenta e cinco mil. Noite de paz, noite de amor. Camerún e Nixeria, desde 2017, sete mil. Moito sono ten Xesús. Nixeria, desde 1998, noventa oito mil trescentos. Moito sono ten Xesús. Iemen e Arabia Saudita, desde 2014, trescentos oitenta mil trescentos. Unha nana se escoita cantar. Desde 2004, Paquistán, sesenta un mil cincocentos corenta e nove. Entre arrolos, durmidiño está. Desde 1978, Afganistán e Paquistán, dous millóns seiscentos mil. Durme o neno Xesús. Desde o 2008, Sudán e Sudán do Sur, catrocentos mil. Non me chegan os versos da tradución galega. Silent night. Iraq, desde 2003, un millón douscentos quince mil. Holy night. Desde 1999, Bangladés, mil oitocentos. All is calm. Desde 1948, Paquistán e Irán, vinteún mil catrocentos. All is bright. Desde 2004, Nixeria e Camerún, dous mil seiscentos. Round yon Virgin. Desde 2012, República Centroafricana, catorce mil cincocentos. Mother and Child. Desde 1947, India e Paquistán, dous millóns. Holy Infant. Desde 2017, Mozambique e Tanzania, seis mil trescentos. So tender and mild. Desde 2022, Honduras, setecentos. Sleep in heavenly peace. Desde 1954, India, Birmania e Bután, corenta mil cincocentos. Sleep in heavenly peace. Desde 1990, Brasil, catorce mil trescentos oitenta e tres. Silent night. Desde 1918, Irán e Iraq, cincuenta e oito mil. Holy night. Desde 1969, Filipinas, douscentos trece mil. Shepherds quake. Desde 1943, Xamaica, mil catrocentos. At the sight. Desde 1988, Papúa Nova Guinea, vinte mil. Glories stream. Desde 1969, India, catorce mil trescentos sesenta e nove. From heaven afar. Desde 2017, Rusia e Acerbaixán, catro millóns. Heavenly hosts. Desde 2016, en Filipinas, trinta e dous mil douscentos. Sing Alleluia!. Desde 2011, Libia, corenta e tres mil. Christ, the Saviour is born. Desde 1962, Indonesia, cincocentos mil. Christ, the Saviour is born. Desde 1975, en Angola, trinta mil. Silent night. Desde 2022, na República Democrática do Congo, douscentos trinta. Holy night. Desde 2018, Ecuador, catorce mil douscentos dezaoito. Son of God. Desde 1921, Turquía, Iraq e Siria, cento vinte mil cen. Desde 2004, Tailandia, sete mil douscentos noventa e catro. Love’s pure light. Desde 2001, Perú, setenta mil. Radiant beams. Desde 1970, Marrocos e República Árabe Saharaui Democrática, vinteún mil. From Thy holy face. Desde 1948, Corea do Norte e Corea do Sur, tres millóns. With the dawn. Desde 2022, O Salvador, douscentos trinta e cinco. Of redeeming grace. Desde 1982, Senegal, cinco mil. Jesus, Lord, at Thy birth. Desde 1981, en Exipto, vinteún. Jesus, Lord, at Thy birth. Desde 1988, Acerbaixán e Armenia, corenta e nove mil. Non me chegan os versos de Noite de Paz e aínda me quedan outras guerras e miles de mortos en Paraguai, Chad, Congo, República Centroafricana, Xeorxia ou Osetia do Sur. Cincuenta e seis guerras agora mesmo: a xenética humana ten que ser defectuosa. Ao mesmo tempo as fábricas de armas producen a pleno rendemento: seiscentos vinte e tres billóns de dólares vendidos en 2023. E, tamén por iso, mentres tanto en Occidente, soan as panxoliñas, nun ambiente adornado con luciñas.