O club arlequinado segue á espera de poder inscribir a Duque e o seu adestrador abre a porta a sumar máis reforzos
AROUSA

Míchel Alonso só aclara que a chegada de máis pezas non pasaría por ningunha baixa
04 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Miguel Ángel Duque deberá empezar o novo ano como rematou o anterior, vendo o seu equipo, o Arousa, desde a grada. O club vilagarcián seguía onte sen recibir o visto bo á licenza do dianteiro coruñés. Un trámite a cargo da Real Federación Española de Fútbol que nas oficinas da Lomba dan por feito acabe materializándose en cuestión de días tras o cambio de ano, logo de que a burocracia entre as federacións de fútbol de Australia, onde rematou a temporada pasada Duque, e de España manteñan no dique seco o punta desde a súa chegada ao Arousa o 20 de setembro.
«La pena es estar el día 2 de enero en el punto cero otra vez», declaraba onte o adestrador do Arousa e valedor da fichaxe de Duque, ao que xa adestrara con anterioridade. Agora, confía Míchel Alonso, convencido de que incorporación federativa sexa un feito para o reinicio oficial da Liga a vindeira semana.
Ante o último mes do mercado de fichaxes e preguntado pola cuestión, o técnico arlequinado deixa aberta a posibilidade de sumar novos efectivos ao seu proxecto: «Cualquier equipo es siempre mejorable, el nuestro también. Con la incorporación de Duque tendremos dos fichas libres».
Dito isto, Míchel Alonso non entrou en detalles. Nin en que liñas cre que sería máis conveniente dispoñer de máis efectivos nin o perfil do xogador ou xogadores que lle poida interesar neste punto de maduración do seu Arousa. Só deixou claro que quen puidera vir faríao coa premisa de mellorar o presente e, sobre isto, marcando unha liña vermella: «De los que están en el equipo, no quiero que se vaya nadie». É dicir, que calquera fichaxe pasaría pola suma de recursos, nunca pola substitución dos presentes, deixando a pelota no tellado da dirección deportiva e, sobre todo, da directiva.