A Xunta licita a mellora da PO-307 entre A Illa e Vilanova e o BNG protesta porque non se dá solución aos atascos da Pantrigueira

La Voz VILANOVA / A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Os nacionalistas lembran que levan anos pedindo que se fagan obras nesta estrada

04 ene 2025 . Actualizado a las 16:41 h.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por importe de 3.308.424 euros as obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas, entre elas a PO-550 ao seu paso por Cambados e Meaño, a PO-303 entre Ribadumia e Sanxenxo e a PO-307 que une Vilanova y A Illa de Arousa.

As actuacións consistirán na rehabilitación superficial do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade, segundo informa a consellería.

Respecto á PO-307, o BNG lembra que levan anos demandando mellora desta estrada mediante alegacións aos orzamentos da Xunta e, pese ao anuncio de licitación, «temos que dicir que non estamos contentos», sinala o Bloque de Vilanova e A Illa de Arousa nun comunicado conxunto. «Nas demandas reiteradas que o BNG leva feito á Xunta solicítase unha actuación que tamén resolva os problemas que xera o cruce da Pantrigueira (Vilanova), coa instalación dunha rotonda ou da solución que propoñan os técnicos para resolver os problemas que xera tódolos veráns o semáforo desa intersección».

«Lamentamos que a Xunta non aproveite para resolver este problema e se limite renovar o firme. Demandamos que continúe a humanización da estrada con beirarrúas e carril-bici nos tramos que carecen do mesmo», abundan os nacionalistas.

Respecto á licitación desta e do resto das obras de mellora nas estradas autonómicas, as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xaneiro.