De darlle unha volta a actual partitocracia

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

monica irago

Os elixidos nunha demarcación electoral esquécense para obedecer ao partido

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo camiño que imos, en España, e no mundo, remataremos vivindo nunha democracia formal, non real. Ou sexa, de mentira. Estamos a ser unha partitocracia na  que os partidos políticos asumen o poder e non os representantes que eliximos nas votacións. Os integrantes dos diversos plenos municipais, parlamentos, Congreso e Senado, son designados polos partidos políticos e non obedecen aos intereses dos cidadáns que os votan, senón aos dos partidos que, por guiadiños, os colocan nunha lista electoral. Hai veces que me dá a risa pensar que no Congreso hai deputados elixidos por Pontevedra. Hai moitos exemplos acotío; vai un: días pasados houbo reunións das  comunidades autónomas do PP. Esta frase xa é indicativa. O goberno da Xunta non é o goberno do PP, senón o de todos os galegos. A cuestión é a finalidade desas xuntanzas porque pretenden facer fronte común polo menos en dous ámbitos: como oposición aos ditados do Goberno central e para implantar políticas deseñadas polo aparato do PP. Todos os asistentes esquecéronse de que a súa lexitimidade deriva dunhas eleccións autonómicas, —lexitimación que non alcanza ao seu partido—cunhas necesidades concretas, cuns programas determinados e cunhas obrigas adquiridas diante do conxunto de cidadáns dun territorio. Que se faga esa xuntanza para pactar directrices políticas dun partido, por moito que estean adscritos a el, non se pode entender.

Os mandatos que teñen que seguir os poderes autonómicos son os das eleccións que os lexitimaron. Esta é unha simple mostra de como a democracia representativa en España  dexenerou nunha partitocracia na que son os partidos políticos os que impoñen representantes e accións de goberno. É un tema que se leva discutindo en todo o mundo desde xa hai tempo. Así, Hannah Arendt (1906-1975), hebrea, que, por certo, podería pórse de actualidade porque xa no 1948 defendía unha Palestina federada con diversos Estados de Oriente Medio, entre eles Israel. No tema que tocamos hoxe, no seu Libro Sobre a Revolución (1965), lémbranos como antes da independencia estadounidense os cidadáns participaban activamente na política dos órganos territoriais, pero despois dela abandonaron o debate e a iniciativa política nas mans dos partidos. Arendt considera que a democracia morre cando non se deixa participar directamente aos cidadáns na vida política. Propuxo como alternativa unha democracia baseada en consellos populares, semellantes aos do Movemento 15M en España ou da Asemblea Constituíte de Chile de 2020. Na actualidade as chamadas democracias indirectas, —como  a clamorosa partitocracia española— están en crise e xeran desconfianza e insatisfacción que se miden dun xeito moi sinxelo coa participación da xente nos procesos electorais: o absentismo ás veces supera ás porcentaxes de participación. As democracias indirectas como a nosa son unha especie de yomeloguisoyomelocomo dos partidos que foxen como do demo da participación popular e da deliberación cidadá. A participación cidadá, directa a través de asembleas, referendos, ou iniciativas lexislativas populares, vese como apestada. A ditadura da partitocracia aparte de ser un sistema anquilosado, nada flexible, rexeita esa participación cidadá e atende ao interese propio dos partidos, que ás veces non coincide cos das persoas. En España o bipartidismo de quendas PSOE-PP exacerba máis a partitocracia que noutros países. Os cidadáns baseándose máis en opinións conformadas polos mass media, sobre todo audiovisuais, que en coñecemento, elixen aos representantes propostos polos partidos. E estes transforman ese mandato popular de base territorial en obediencia cega ás ordes continxentes dos aparatos dos partidos que normalmente saen do fervedoiro de Madrid. Habería que darlle unha boa volta a todo isto.