O caldense, de 19 anos, pode xogar de mediocentro, en banda ou de media punta
22 ene 2025 . Actualizado a las 21:08 h.O Arousa vén de atopar substituto para Felipe Peredo, se ben o home escollido difire con moito do perfil do mediocentro cántabro. Hugo Villaverde Varela (Caldas de Reis, 25 de novembro do 2005) nin é un mediocentro puro nin posúe a veteranía de quen fora contratado o pasado verán para darlle consistencia á medular arlequinada na carreira de fondo polo título e o ascenso á Segunda RFEF. Aos seus 19 anos, o caldense regresa ao Arousa cedido polo RC Deportivo, en cuxo filial non estaba a ter os minutos desexados nin polo futbolista nin polo club herculino, que ve en Hugo Villaverde unha peza cun potencial moi interesante para os seus intereses.
Dunha gran polivalencia, capaz de sumar coma mediocentro ofensivo, de interior ou en calquera dos tres postos por detrás do punta, o novo xogador do Arousa regresa á que foi a súa casa durante tres temporadas. Formado no Caldas CF e na Escola Deportiva Arousa, Hugo Villaverde desembarcou no club da Lomba no seu primeiro ano cadete, contribuíndo na súa primeira campaña xuvenil ao histórico primeiro ascenso do Arousa á División de Honor da máxima categoría do balompé español. Unha campaña que chamou a atención dos responsables da canteira do RC Deportivo, que o ficharon para o seu conxunto xuvenil. O curso pasado, no seu segundo ano na Coruña, o novo futbolista de Míchel Alonso pasouno case en branco por unha lesión grave nun xeonllo. Na presente, no seu primeiro ano sénior, Hugo Villaverde apenas sumaba 483 minutos en quince partidos de Segunda RFEF, dispoñendo de tan só cinco titularidades.
«Fue un jugador que siempre me gustó mucho y que seguía», di o director deportivo do Arousa. Dani Abalo subliña que Hugo Villaverde «tiene muchísima personalidad, se asocia bien, dispone de un buen disparo desde fuera del área y no tiene miedo a asumir el balón». Un cúmulo de condicións que o levaron a falarlle del ao adestrador do Arousa, Míchel Alonso. «Míchel indagó, le dijeron que era un jugador que podía darnos mucho», e Dani Abalo púxose entón mans á obra.
«Yo veía que no estaba teniendo muchos minutos en el Fabril», conta o director deportivo do Arousa. «Hablé con el Dépor y me dijeron que era un jugador importante para ellos. Al cabo de dos o tres semanas, viendo que seguía sin jugar demasiado, volví a preguntar por él, y esta última semana, que no jugó ni un minuto, se aceleró todo», explica Dani Abalo.
«Son da casa»
Cuestións de axenda postergaron a presentación de Hugo Villaverde ata este venres. Con todo, o futbolista ofrecía no comunicado de prensa da súa cesión, a súas primeiras impresións como reforzo arlequinado: «A do Arousa é unha contorna próxima que xa coñezo, polo que a adaptación será moito máis fácil. Teño amigos alí, ex compañeiros que me van facer todo máis fácil. Son da casa».
A nova peza de Míchel Alonso asegurou que os seus tres anos anteriores no Arousa foron algúns dos máis bonitos da súa carreira, logo de definirse como «un xogador con bastante capacidade de chegada á área, de asociación, de atopar ese último pase e disparo fóra da área».
Con Hugo Villaverde no vestiario arlequinado, o Arousa segue tendo inda a posibilidade de fichar dous futbolistas séniores no que resta de mes. Neste punto, Dani Abalo declara: «Si sale una opción buena en el mercado, en la posición que sea, y entra dentro del presupuesto, estamos abiertos a incorporarla».
Torrado segue á espera de coñecer a gravidade da súa lesión
A incorporación de Hugo Villaverde deixa en mans de Míchel Alonso a 21 xogadores, no que probablemente sexa o cadro de futbolistas máis potente do grupo galego da Tercera RFEF. Dous deles seguen na enfermaría. O lateral esquerdo Luis Castro ten toda a pinta de poder volver algo máis dun mes despois, cunha ecografía programada para hoxe destinada en principio a poder confirmar a alta da lesión muscular que sufría na visita ao CD Estradense.
Peor se presenta o caso de Carlos Torrado. O carrileiro dereito e un dos homes máis en forma do Arousa segue, case tres semanas xa despois de mancarse no duelo do 4 de xaneiro na Lomba co Boiro, pendente de coñecer a gravidade da lesión no seu nocello esquerdo. Tras ter que agardar a que baixase a forte inchazón no seu pé, está á espera de que lle fixen día para realizar unha ecografía.