O CNS Vilagarcía gaña o Galego de Piscina Cadete-Xuvenil de Salvamento por primeira vez
AROUSA

O club arousán sumou 30 podios e un récord autonómico
17 feb 2025 . Actualizado a las 17:58 h.O Club Natación e Salvamento Vilagarcía vén de asinar un novo fito no seu proceso de crecemento. O pasado sábado, no complexo deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, Pontevedra, a súa canteira proclamouse por vez primeira campioa galega de piscina cadete-xuvenil de salvamento.
Os 23 deportistas do club arousán adestrados por Sonia Taladriz e baixo a preparación física Raúl Barreiro sumaron 924 puntos, polos 905 do CSS Carballo-SYSCA e polos 711 do CNS A Estrada, nunha cita que reuniu unha ducia de equipos.
O resultado do cómputo xeral vén da suma do primeiro posto do equipo masculino e do cuarto do feminino cadete, e do segundo que conseguiron os cadros de nadadores e de nadadoras xuvenís do CNS Vilagarcía. Todo, sustentado nos seus 30 podios, incluído o do relevo de 4x50 metros obstáculos xuvenil feminino, con novo récord galego da man de Naira Abalo, de Mariña Cores, de Irene González e de Noemí Espada.
A nivel individual, salientaron os triunfos das xuvenís Irene González Diosdado, nos 50 metros remolque de maniquí e nos 100 combinada de salvamento, e de Noemí Espada Radio nos 200 metros natación con obstáculos, do cadete Carlos Abella Bouzas, na mesma proba ca Espada, e, sobre todo, os catro títulos reunidos pola cadete Anne Vicente Ferreira, campioa dos 200 metros natación con obstáculos, 50 remolque de maniquí, 200 supersocorrista e 100 combinada de salvamento.