«Adeus vista dos meus ollos», a ollada documental do alumnado inmigrante dun instituto arousán
AROUSA

O traballo audiovisual, que será presentado o día 24, pretender servir tamén de testemuño contra os discursos de odio que están a agromar nas aulas galegas
20 feb 2025 . Actualizado a las 09:01 h.O vindeiro luns, co gallo do Día de Rosalía de Castro, o instituto Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa presentará en sociedade Adeus vista dos meus ollos, un documental dirixido e producido pola profesora do centro Marisa Moreda, que busca dar voz o alumnado inmigrante para testemuñar o seu proceso de integración no sistema educativo galego.
«O documental pretende visibilizar as historias e vivencias dos rapaces que migran, que traen nas súas retinas eses apegos que un día tan ben retratou Rosalía de Castro, eses «adeus» ás amigas, ás profesoras, aos familiares, ás paisaxes, aos fogares... e tamén ese «non sei cando nos veremos» que alude á viaxe incerta que emprenden e á esperanza de regresar, conta a promotora da peza audiovisual.
Gravada entre novembro e decembro do ano pasado na biblioteca do instituto arousán cun móbil e cun micrófono recollendo as conversas persoais mantidas entre Moreda e os estudantes en galego, en portugués e en español, Adeus vista dos meus ollos conta cunha duración de 46 minutos e as pezas musicais Santa Cruz, de Zavala, e Adeus ríos, adeus fontes, interpretada por Erica, Samira e Lidia. Elementos todos modelados no proceso de produción feito o mes pasado.
«Os discursos dos protagonistas, contados desde o eu máis íntimo, pretenden contrarrestar os discursos de odio que por veces afloran nas aulas sobre a poboación migrante, e fomentar a construción da empatía e o empoderamento comunitario», proclama Marisa Moreda.