O casino da Toxa celebra o entroido poñendo en valor a cultura marítima tradicional da man da Dorna Meca
AROUSA
Ao Casino da Toxa chegou tamén o entroido, este ano vinculado á tradición e co obxectivo de aproveitar este tempo festivo para poñer en valor a cultura marítima tradicional. Por este motivo, e grazas á colaboración da asociación A Dorna Meca, unha impoñente embarcación tradicional de madeira preside a sala de xogos da illa ata o vindeiro día 10. Os seus empregados disfrazaranse nesta ocasión de mariñeiros, pero a temática non está escollida ao azar, xa que máis alá de dar visibilidade a unha tradición tan arraigada coma esta, o que pretenden é achegar o Casino ao pobo, «recuperar ese espacio social donde puedes ir también a cenar, a tomarte una copa o a probar nuestra coctelería», segundo sinalan dende a sala tras instalar a dorna coa vela izada e o seu correspondente panel explicativo.
O programa do entroido arrancará este venres no Casino da Toxa con música e dj incluídos, sumando opcións pensadas para o goce tanto da veciñanza como das persoas visitantes que celebran a Don Carnal.
Para agradecer a laboura desinteresada que realizan dende A Dorna Meca, conservando o patrimonio marítimo, realizarán o venres 7 de marzo un pequeno evento no que entregarán unha placa como agradecemento a este colectivo. Dende a sala recreativa teñen pensado comezar a realizar este tipo de dinámicas de agora en diante para darlle vida a un espazo que se postula perfecto polo seu emprazamento e as súas instalacións, tanto para a celebración de eventos como para calquera tipo de ceas máis aló da propia sala de xogos, e que segundo pensan, ten que volver a estar no imaxinario dos veciños.