Laura Miniño-Sara Carril, duelo das dúas máximas goleadoras da Liga no partido entre Asmubal e Cañiza

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O equipo meañés pode encarrilar xa hoxe a súa presenza, como mínimo, na eliminatoria previa da fase de ascenso

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O balonmán regresa hoxe á pista do Pavillón Coirón Dena. A partir das 20.30 horas, de volta ao seu horario tradicional na División de Honor Plata Femenina, o Inelsa Solar Asmubal Meaño recibe a un dos seus veciños galegos da terceira categoría nacional. Un Saeplast Cañiza que avanza cuarto con 27 puntos, seis menos co seu anfitrión e rival na loita pechada polo título do Grupo A co Gijón.

O adestrador do conxunto local, Juan Manuel Costas, é moi consciente do valor do partido entre mans. «Se logramos a vitoria na casa xa case teriamos matematicamente a entrada na previa da fase de ascenso», a que disputan os segundos clasificados de cada un dos catro grupos da DHP Femenina, di o técnico do Asmubal. E é que tras un 24-24 da primeira volta, con gol sobre a bucina do cadro meañés para salvar un punto nun encontro que tivo razoablemente controlado, o triunfo sobre a Cañiza aseguraríalle rematar por riba ao final do campionato regular, con só catro partidos máis por diante. Selar a clasificación pasaría xa polo que faga en paralelo o terceiro clasificado, o Getasur, que chegou a esta fin de semana empatado a 27 puntos co Cañiza.

Consciente de que chegou o momento da verdade, no que toca pelexar a nota final a un curso prometedor, Juan Costas fixo fincapé durante esta semana en «traballar duro para afianzar conceptos, sobre todo en tarefas defensivas», logo de observar nas últimas xornadas inesperados desaxustes nunha ata entón sólida 6-0 meañesa.

Máis aló da clasificación, o Asmubal-Cañiza ofrece o atractivo de ver fronte a fronte ás dúas máximas goleadoras do Grupo A da categoría: a local Laura Miniño, con 6,6 tantos de promedio, e a visitante Sara Carril, con 7,4.