O Asmubal Meaño supera o líder cunha remontada colosal e ten na súa man acabar campión de Liga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe dun partido anterior do Asmubal Meaño
Imaxe dun partido anterior do Asmubal Meaño MARTINA MISER

As de Juan Manuel Costas derrotaron 24-26 o Balonmano Gijón tras ir nove goles abaixo no marcador

11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño deu o pasado sábado un paso de xigante de cara non só xa facerse cunha das dúas prazas do seu grupo para a vindeira fase de ascenso á División de Honor Oro Femenina do balonmán español, senón de cara a conquistar o título da súa conferencia na División de Honor Plata Femenina. Na cancha do Balonmano Gijón, o conxunto que dirixe Juan Manuel Costas sobrepúxose a unha desvantaxe de 9 tantos para acabar impoñéndose 24-26 ao líder da Liga. De completar con éxito o xoves da vindeira semana os 26 minutos que lle faltan do duelo aprazado coa Cañiza por un apagón no Coirón, con 19-14 a prol do Asmubal, o cadro meañés situaráse á fronte da clasificación a falta xa só de tres xornadas para a conclusión da fase regular.

Custoulle horrores gañar o partido en Xixón ao equipo galego. O club local aproveitou o partido nas alturas para conmemorar os seus 40 primeiros anos cunha celebración e o seu pavillón cheo. O ambiente cargou de adrenalina as xogadoras asturianas, moito máis enchufadas no inicio do choque. E así, impoñéndose en canto rexeite e balón dividido había, e podendo correr en moitas ocasións ao contragolpe, o Gijón situouse 12-3 arriba mediada a primeira parte.

A partir de aí, o Asmubal asentouse no partido, e coa súa 6-0 a pleno rendemento, chegou ao descanso cinco abaixo, 16-11. Na reanudación, unha defensa mixta, con Paula Rey sobre o motor do Gijón, Saray Trabanco, e unha excelsa actuación na portería de Guadalupe Larralde, acabou de catapultar o Asmubal. A falta de 6,34, Cárol Ferreira subía o 23-24, e a partir de aí as visitantes xa non deixarían de comandar o marcador.

FICHA DO PARTIDO:

BALONMANO GIJÓN (24): Zoe González, Lucía González (3), Saray Trabanco (8), Vide (1), Villasboa (6), Durán (2), Gisela González (3), Silvia Menéndez, Laura Fernández, Adriana Menéndez, Laura Pérez, Solís, Parapar e Lorena García (1). 

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (26): Nadia Vázquez, Sineiro (2), Liranzo, Arangio (1), Cárol Ferreira (4), María Currás (3), Uxía Varela, Guadalupe Larralde, Ballada (1), Eli Méndez (5), Laura Miniño (4), Paula Rey (5), Luna Otero, Vanesa Domínguez e Shaila (1). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 4-1, 9-3, 12-4, 13-7, 15-10, 16-11 (descanso); 17-12, 19-14, 21-17, 22-21, 23-24 e 24-26.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Millán Fernández e Diego Ruiz. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Vide (2 veces), Gisela González e Adriana Menéndez, e as visitantes Cárol Ferreira e María Currás.