A Fundación Plácido Castro recibe os fondos célticos de Xoán Bernárdez Vilar
AROUSA

O académico doa á institución radicada en Cambados 250 exemplares sobre temática artúrica e cultura británica. O venres terá lugar un acto de agradecemento polo xesto
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Boa nova para a Fundación Plácido Castro, a entidade que promove a obra e a figura do máis internacional dos intelectuais galegos que integraron a Xeración Nós. A institución vén de recibir unha importante doazón que enriquecerá os seus fondos: a parte da biblioteca de Xoán Bernárdez Vilar que ten que ver coas temáticas céltica, artúrica e, en xeral, a cultura anglosaxona.
Trátase de máis de 250 exemplares escritos en inglés, galego e castelán que comprenden publicacións do século XX con valiosa información sobre as historias e lendas que configuran o mundo céltico e as sagas nórdicas.
Bernárdez Vilar, membro da Real Academia Galega, escritor e historiador, é autor de varias novelas, coma Un home de Vilameán, O ano do cometa ou Big-Bang, numerosos ensaios, artigos e traducións, nunha liña polifacética que lembran as liñas de traballo do propio Plácido Castro. Decidiu espallar a súa inxente biblioteca persoal en diversas institucións do país galego. O feito desta parte ser depositada na fundación radicada en Cambados débese a colaboración do avogado Iago Pillado e da filla do académica, Sabela Bernárdez, a quen a institución quere agradecer publicamente este xesto.
Este venres, 14 de marzo, ás sete do serán, este agradecemento público a Xoán e Sabela Bernárdez cobrará a forma dun acto que terá lugar na mesma sé da fundación, na Rúa Nova de Cambados. Será alí onde as obras ficarán para a súa libre consulta por parte de calquera persoa interesada, ao igual que o conxunto dos fondos da entidade.