
O consumo actual de vestimenta sintética é unha auténtica loucura que produce ao ano uns noventa e dous millóns de toneladas de residuos: un camión destes típicos de recollida de lixo cada segundo
30 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A vestimenta diferenza aos humanos do resto dos seres vivos, seguramente tanto como a conciencia. A evolución do uso da roupa ao largo da Historia é un resumo da transformación da Humanidade. E iso percibiuse desde sempre. No libro do Xénese dise que Adán e Eva «abriron os ollos e déronse conta de que andaban espidos e entón coseron follas de figueira e fixeron mandís e Deus deulles ao home e á muller peles e vestiunos». A Arqueoloxía hoxe por hoxe, mantén que as primeiras agullas para elaborar roupa teñen uns corenta mil anos e resulta posible que a vestimenta sexa máis antiga tendo en conta, curiosamente, a evolución xenética dos piollos que pasaron de vivir na pel a agacharse no vestiario. A necesidade de pór roupa xurdiu por cuestións climáticas, de pudor —a xente tamén se viste en zonas tropicais— e de seguidiña serviu para establecer clases e distincións sociais. As connotacións do vestir foron dando nunha demostración da función social e do poderío económico. Os labradores e artesáns vestían dun xeito diferente ao do clero, con todas as súas variedades; no exército aínda hoxe os uniformes, e os seus infinitos adminículos, reflicten o poder de cada un dos seus integrantes. Tamén hai que ter en conta os cambios de vestido segundo o que se estea a facer: guerra, deporte, traballo manual, cerimonias… Os materiais de confección foron cambiando: pasouse de elementos vexetais, animais ou elaborados como lá, algodón ou seda á peste actual das fibras sintéticas. Certo é que o prêt-à-porter fronte á alta costura pretendeu igualar as clases sociais, desde os anos cincuenta. E así foi como se chegou á incrible situación actual de consumo de fast fashion no que a roupa se converteu nun dos máis grandes problemas ambientais —tamén éticos— comprometendo o futuro do planeta, conseguindo que axude a ir levando á Humanidade á súa destrución. O consumo actual de vestimenta sintética é unha auténtica loucura que produce ao ano uns noventa e dous millóns de toneladas de residuos: un camión destes típicos de recollida de lixo cada segundo. E todo causado polo desaforado consumo que facemos desa chamada moda rápida e barata, de poliéster. A ese fenómeno universal de usar e tirar roupa desaforadamente hai que engadir non só os residuos derivados da produción das materias primas, senón todo o derivado da loxística para a distribución. Por suposto, particularmente en zonas periféricas como o Salnés consumir indumentaria por internet é máis contaminante que adquirila no comercio local, porque implica non só todo o proceso de confección senón a embalaxe e transporte peza a peza, domicilio a domicilio. É a cara amarga da moda e de seguirmos matinando que a roupa define personalidade e status. Fronte a este fenómeno, cada un de nós, cada persoa, pode actuar practicando as consabidas reutilización, reparación e reciclaxe; engadindo a elas consumo nas tendas de proximidade. Aínda que un dos xeitos máis efectivos é dispor de recursos económicos individuais para ser quen de esquivar un algo a moda rabiosa —agora non vale para distinguírmonos— e comprar roupa de alta calidade e larga duración. Un dato absolutamente explicativo é que se cada un de nós duplicásemos o número de veces que empregamos unha prenda, as emisións de gases de efecto invernadoiro reduciríanse nun 44%. Hoxe por hoxe a principal riqueza do Salnés é a Natureza: mar, agricultura, paisaxe. Non sei moi ben o que significa, pero axudaría a deixar de contaminar esa nosa Natureza que nos caracteriza comprar roupa cara, e, particularmente, no comercio local. Por certo, hoxe como a ONU conmemora o Día Internacional do Refugallo Cero, incidindo neste tema da roupa, ben podemos dicir, particularmente a xuventude, aquelo de «predica meu frade que por un oído me entra e por outro me sae». Aínda que, claro, a mocidade seguramente non sabe dese refrán.