
Foi, sen dúbida, unha desas persoas que marcan vidas co seu exemplo e, en realidade, por iso, nunca desaparecerá
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Este 2 de abril faleceu Maruja Meis. Foi unha muller impresionante, aínda que ela mesma, coa forza inmensa que a caracterizaba, nunca o crese, como se de maneira permanente se vise na obriga de dar máis. Seus pais, el irmán de miña avoa paterna, foron os meus padriños e os primeiros anos da miña vida paseinos nunha vivenda deles. Para min ela foi desde sempre un exemplo. Maruja naceu en 1935 en San Vicente do Grove, nunha casa de labradores, casa de fartura como se di alí, pero de moito traballo. A posguerra foron malos tempos e San Vicente, daquela un lugar illado, sen comunicacións, non ofrecía moitas posibilidades e menos para unha muller. Sorprendeu desde mociña a seus pais insistindo en que quería ser mestra. Parecía un soño de nena imposible e tivo que esforzarse moito para convencelos. Logrouno.
Cando se matriculou en Maxisterio soubo que o seu nome oficial era María Remigia e non só María, nin Maruja, como ela quería que a chamasen. Levantábase antes da madrugada para chegar cedo ao Grove, a sete quilómetros, e coller o transporte para asistir a clase en Pontevedra. De mañanciña levaba, tantas veces na cabeza, leite, ovos ou diversos produtos agrarios que vendía na capital do municipio. Cada día, todo o ano.
Logrou o título académico e o seu primeiro destino como mestra foi en Cambados, nunha escola de párvulos. Ía desde San Vicente ao embarcadoiro do Grove e desde alí a motora transportábaa ata o porto de Cambados; ás veces era ela mesma a que tomaba o temón mentres o patrón cobraba aos pasaxeiros. O seu segundo destino, influída polo cura de San Vicente, que era de Camariñas, foi unha praza de mestra en Vilastoso, Senande, Muxía, que gañou tendo vinte e dous anos. As súas alumnas recórdana aínda hoxe polo esforzo que puxo en que todas seguisen estudando.
Uns dez anos máis tarde presentouse a unhas oposicións do Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario (IRYDA) e destinárona á Axencia Comarcal de O Porriño, onde, por certo, foi condecorada coa Orde Civil do Mérito Agrícola. Alí coñeceu a quen sería o seu home, José Luis López Mínguez, enxeñeiro que traballaba nesa institución. Casaron, non tiveron fillos e marcharon para a terra natal del, Teruel. Este seu home era un gran maquetista e armou unha impresionante colección de barcos de época e tradicionais, algúns de máis de dous metros.
Maruja integrouse plenamente na sociedade turolense, foi dirixente da asociación de veciños do centro e, sobre todo, achegou toda a súa forza nunha ONG para axudar aos sen papeis e ás súas familias, en particular aos que pasaban por situacións complicadas. Foi elixida presidenta da Asociación Internacional de Caridad San Vicente de Paul desde a súa fundación no 2003 e botou a andar locais, talleres para diversas aprendizaxes, nomeadamente de estudo do español para estranxeiros ou recollida de materiais para atender necesidades, con atención especial á infancia. Formou parte da dirección desa Asociación en Madrid.
Falecido José Luis no 2021, Maruja doou as impresionantes maquetas de barcos do seu marido á Subdelegación do Goberno en Teruel, onde hoxe poden ser admiradas nunha galería denominada Pasillo Naval. E decidiu volver para o seu San Vicente, co seu irmán José, os sobriños Juan José, Fátima e Paula e con Pedro e Nicolás, polos que sentía debilidade. Parecía manter toda a vitalidade, entusiasmo e enerxía de sempre. Foi, sen dúbida, unha desas persoas que marcan vidas co seu exemplo e, en realidade, por iso, nunca desaparecerá. Para min vivirá sempre.