Un volume recolle a obra poética de Plácido Castro enriquecida polos traballos de 19 artistas galegos
AROUSA

Brincadeiras poéticas será presentado hoxe, ás oito da tarde, na sala de conferencias do auditorio
23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Coincidindo co Día Internacional do Libro, o Concello de Vilagarcía e a Fundación Plácido Castro presentarán hoxe, na sala de conferencias do auditorio, unha publicación que reúne a produción poética do escritor e intelectual tan ligado á cidade. Será ás oito da tarde, con acceso libre ata completar aforo.
A obra titúlase Brincadeiras poéticas e foi editada pola Fundación. Conta cun limiar de María do Cebreiro Rábade Villar e coas ilustracións concibidas expresamente para esta edición por dezanove artistas galegos, como Fernando Arenaz, Manolo Busto Magdalena, Pepe Carreiro, Manel Cráneo, Xaquín Chaves, Andrés Dearca, Uxío López, Xaquín Marín, Emérita Méndez, Mariña Montero, Pablo Otero, Xandre Otero, Miguel Pérez Ramudo, Iria Ribadomar, Viki Rivadulla, Marcela Santorun, Olaia Sendón, Alberto Sineiro e José Vaamonde. Pepe Carreiro é tamén o autor do deseño da publicación, da que se imprimiron 500 exemplares.
Dous bloques
O volume que hoxe se presenta reúne a propia obra lírica de Plácido, unha faceta que vén completar a enorme dimensión humanista deste intelectual sensible e sinxelo. Trátase de dezanove poemas agrupados en dous bloques ben diferenciados. O primeiro leva por título «O fillo» e integra unha ducia de composicións de marcado carácter emocional ante a paternidade. As outras sete abordan temas variados sucados pola retranca e certa dose de escepticismo.