Luis Arosa acusa ao PP da Illa de mudar a súa postura sobre o plan de mobilidade e caer no populismo

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Sinais da área residencial da Illa que está a crear polémica
Sinais da área residencial da Illa que está a crear polémica MARTINA MISER

«Que explica este xiro de 180 graos, por que pasan de defensores a detractores dun plan que eles mesmos cualificaron como fundamental para A Illa de Arousa?», pregunta o rexedor

10 may 2025 . Actualizado a las 17:20 h.

O debate sobre a ordenación de tráfico na Illa segue de actualidade. Falouse do asunto no pleno de xoves a conta das intervencións do PP e de veciños que asistiron á sesión para expresar o seu malestar coa creación dunha zona de tránsito no casco urbano só para residentes e vehículos autorizados. Este sábado foi o alcalde, Luis Arosa (PSOE), o que se pronunciou respecto deste asunto para recordarlle ao PP que en 2017 aprobouse o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) «que o anterior voceiro, Juan José González Vázquez, cualificou de interesante e moi importante para o noso pobo», e que en abril de 2018 o PP votou a favor á hora de pedir unha subvención dos fondos FEDER para executar dito plan.

«Que explica este xiro de 180 graos, por que pasan de defensores a detractores dun plan que eles mesmos cualificaron como fundamental para A Illa de Arousa? A resposta é evidente: unha estratexia populista que sacrifica o interese xeral por un cálculo político mezquiño. Mentres se traballa para implementar un proxecto consensuado que mellorará a calidade de vida dos veciños, o PP dedícase a sembrar dúbidas, manipular e crispar», indica Luis Arosa.

«Un político de altura mira polo ben común e mantén a coherencia por riba dos intereses partidistas. Os veciños e veciñas da Arousa merecen representantes que prioricen o futuro da vila por riba de estratexias cortoplacistas. E por suposto, merecen unha oposición que exerza o seu labor con responsabilidade e honestidade, non con amnesia selectiva e populismo barato. A quen beneficia esta estratexia de confusión? A ninguén, salvo a quen pretende facer política desde o espectáculo e a confrontación», engade o rexedor socialista.