
A proposta busca transformar este espazo abandonado nun lugar aberto á veciñanza, que sirva de punto de encontro e memoria viva da historia local
13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG vén de presentar unha moción no Concello coa intención de recuperar o edificio da antiga conserveira Malveiras, situado no Carril, fronte á illa de Cortegada, na zona da Rosa. A proposta busca transformar este espazo abandonado nun lugar aberto á veciñanza, que sirva de punto de encontro e memoria viva da historia local.
O Carril foi, en tempos, un referente industrial da zona, cun porto estratéxico que atraeu numerosas empresas: conserveiras, fábricas de mosaico, mistos, redes ou metalurxia. Ata 25 industrias chegaron a convivir nunha vila profundamente vencellada ao mar. Hoxe, a maior parte desa actividade desapareceu, mais os seus vestixios, como o edificio de Malveiras, seguen en pé como testemuñas dun pasado que non debe caer no esquecemento.
Desde o BNG entenden que conservar este inmoble e dotalo dun uso público é unha forma de reivindicar a identidade mariñeira do Carril e de render homenaxe á súa historia. Por iso propoñen convertelo nun Centro de Interpretación que explique a riqueza da contorna e a singularidade da ría, ofrecendo á vez un espazo para que veciños e visitantes poidan coñecer mellor este enclave privilexiado.