O colexio San Tomé entrará en obras no verán: o faiado habilitarase para aulas e biblioteca e dotarase ás pistas de pasarelas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A previsión e que os traballos empecen en agosto e sexan compatibles coa actividade lectiva durante o inverno

16 may 2025 . Actualizado a las 21:06 h.

O CEIP San Tomé de Cambados é outro dos colexios do Salnés que estará en obras este verán. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou este venres o centro para anunciar a licitación das obras de ampliación por un importe de case un millón de euros. A previsión é que poidan comezar entre finais de xullo e principios de agosto, e dado que o prazo de execución é de nove meses, os traballos vanse compatibilizar coa actividade académica durante o vindeiro curso escolar. A consellería afirma que elaborouse un plan de obra de xeito que non se interfira no desenvolvemento lectivo.

A intervención inclúe a recuperación dun espazo do faiado da cuberta da planta baixa, actualmente en desuso, que se integrará como unha continuación da segunda planta existente. Isto permitirá contar cunha superficie a maiores de 397,5 metros cadrados nos cales se albergarán dúas novas aulas, unha biblioteca con sala de radio e dúas aulas de desdobre.

Esta ampliación, segundo o conselleiro, vai «manter a continuidade visual e estética» coa zona xa existente, posto que se replicarán as fachadas, ocos, materiais, cor, aleróns e cuberta da edificación orixinal. Para mellorar a accesibilidade entre plantas está prevista a instalación dun ascensor no oco central da escaleira principal e tamén se actuará na parte do acceso ás pistas cubertas e á área de xogo. Ata agora só se pode chegar a elas polas escaleiras e despois destas obras contarán con pasarelas. Finalmente, atendendo a unha petición expresa do centro educativo, tamén se vai aproveitar para elevar o chan do ximnasio co fin de eliminar a barreira arquitectónica e igualar as cotas de acceso a este espazo.

Esta actuación únese á que vai realizar a Deputación de Pontevedra no pavillón deportivo do San Tomé, no que se van investir 161.000 para mellorar a carpintería, os vestiarios e as gradas, aínda que neste caso non se coñece a data de inicio das obras.

Román Rodríguez subliñou que a ampliación no San Tomé é a obra de «maior envergadura» en materia educativa nos últimos anos en Cambados. «Tan só o ano pasado realizáronse obras en catro centros por un importe de preto de 200.000 euros», abundan desde a consellería.