Centos de rapaces de centros de toda Galicia participaron no certame de escultura efémera que cada ano impulsa o IES Monte da Vila
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A praia da Lanzada volveu encherse onte de ducias de esculturas efémeras emerxendo da area. Dragóns alados e outros seres fantásticos cobraron vida durante a mañá grazas ás mans de centos de rapaces chegados de toda Galicia para tal cometido: participar un ano máis na actividade Esculturas da Area, que organiza o IES Monte da Vila do Grove.
O sol quentaba este venres na coñecida praia da península, pero iso non diminuíu a ilusión dos estudantes, que maqueta en man se dispoñían a dar forma e volume aos seus proxectos, unha tarefa nada doada baixo as altas temperaturas. Cargados con capachos cheos de area mollada camiñaban en grupo cara ás súas parcelas para esculpir cadansúa idea, aconsellados polos docentes. Uns escavaban para facer oco e crear a peza, outros amoreaban o material sobre a area para darlle altura, e había quen lograba artellar por partes aos réptiles saíndo da area.
Ás esculturas non lles faltaba detalle ningún, pois os participantes botaron man de todas as ferramentas posibles para simular escamas ou protuberancias, e moitos conseguiron esculpir verdadeiras pezas de arte, que máis tarde a marea levou por diante facéndoas desaparecer coma por arte de maxia. A actividade puxo a proba a creatividade dun cento de rapaces chegados dunha ducia de centros de ensino.
Trece edicións. O departamento de Debuxo do IES Monte da Vila impulsou a actividade hai trece anos. Logra reunir en cada edición un cento de estudantes de Secundaria, que aproveitan a xornada para tecer redes con outros alumnos. O areal viu medrar figuras de Picasso ou o universo visionario de Verne ao longo do tempo.