
Pódese describir como o abuso de elementos que alteran a panorámica rural ou urbana e dá idea do labor do gobernante de cada territorio
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cando mencionamos a palabra contaminación estamos a pensar na que afecta aos tres grandes recursos: auga, aire e terra. Pero hai outra que axuda a definir a cada sociedade e, especificamente, a cada vila: a contaminación visual, o que vemos na nosa contorna. Esa contaminación dá idea do labor do gobernante de cada territorio pero, ademais, fálanos das condicións de vida da xente que ocupa cada lugar, a súa relación co entorno e, tamén, a natureza deses habitantes. A contaminación visual pódese describir como o abuso de elementos que alteran a panorámica rural ou urbana. Entre eles podemos citar os edificios abandonados a medio facer, a publicidade, os cables aéreos, as antenas, chemineas, vertedoiros e lixo, os sinais de tráfico reiterados, os muíños de vento, os estilos arquitectónicos mesturados, a sucidade a falta de mantemento dos espazos públicos, ou os graffiti e pintadas. Todos estes compoñentes de contaminación visual están presentes nas vilas do Salnés sen que, en ningures, se estean a adoptar normas ou accións para eliminalos, aínda sendo sabedores de que esa paisaxe define non só vilas e cidades, tamén á xente que as habita. A contaminación visual retrátanos. O abandono e falta de limpeza dos espazos públicos é outro dos grandes focos de contaminación visual. Pero seguramente o principal axente contaminante sexa a publicidade exterior. Por todos lados proliferan, sen ningún tipo de orde nin harmonía, letreiros, rótulos, anuncios, cada un dunha maneira, cuns estilos e formas que non teñen nada que ver entre si. O número deles é incontable; o tamaño non ten límites; están en calquera lado e mires onde mires, hai varios e, todos, diferentes. Unha vez máis, son os Concellos os que dispoñen das facultades para acabar con esta contaminación visual mediante ordenanzas e, especialmente, coa normativa urbanística. Hai moitísimas medidas que se poden acordar para acabar con este tipo de contaminación, como soterrar os cables aéreos de distribución de electricidade, establecer unha tipoloxía de rótulos comerciais ou reducir e regular a cartelería. E todo tamén porque non podemos esquecer que a contaminación visual nos describe e explícalle aos visitantes que clase de xente vivimos por aquí.