Valga acolle unha exposición con traballos artísticos do alumnado do CRA e do CEP Ferro Couselo
AROUSA

O Auditorio Municipal de Valga acolle durante todo o mes de maio a mostra «Infancia Crea»
20 may 2025 . Actualizado a las 19:45 h.O Auditorio Municipal de Valga acolle durante todo o mes de maio a mostra «Infancia Crea», unha exposición que reúne as primeiras creacións artísticas do alumnado do CRA de Valga e do CEP Xesús Ferro Couselo. A inauguración contou coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro, que acompañou aos nenos e ás súas familias nesta experiencia cultural.
A actividade, guiada pola mestra Ángeles Garrido, permite aos escolares explorar e expresar o seu mundo interior a través da pintura. «Os cadros reflexan o universo interior de quen os pintou», sinala a docente, quen destacou o valor expresivo das obras e a autenticidade que cada neno achega á súa creación. As obras foron realizadas con diferentes técnicas como acuarela, témpera ou debuxo libre, e nalgúns casos tomaron como referencia artistas recoñecidos ou escenas da contorna próxima.
Ferramenta de aprendizaxe
A exposición permite descubrir unha ampla variedade de estilos e sensibilidades, demostrando como a arte serve de canle para que os máis pequenos comuniquen emocións, soños e inquedanzas. «Infancia crea» brinda aos nenos un espazo no que a arte se converte en ferramenta de aprendizaxe e comunicación.