Alberto Mariano declina a renovación do Vilalonga e agradece o trato recibido do club

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O adestrador santiagués di non dispoñer do coñecemento preciso do fútbol da zona para poder acometer con garantías a nova etapa do conxunto celeste

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Mariano non será o adestrador do Vilalonga no seu regreso á Preferente Autonómica. O técnico santiagués, que a comezos de novembro chegaba ao vestiario do Novo San Pedro para relevar ao destituído Luciano González e tentar endereitar un equipo lastrado pola atrevida aposta de subir á Tercera RFEF sen reforzar apenas o seu cadro de xogadores, declinou na tarde do mércores a oferta de renovación que lle trasladara a directiva que preside Pablo Estévez.

«Foi unha decisión dura e difícil. Teñen un proxecto bo para estabilizar o club e subilo de categoría. Pero o Vilalonga é un equipo que precisa dun coñecemento exhaustivo dos futbolistas da zona para poder fichar e hai que ser honesto, eu non teño ese coñecemento que o club precisa para a Preferente», declara Alberto Mariano. O adestrador despídese agradecendo o trato de toda a xente de Vilalonga e desexándolle «a mellor das sortes».