
O líder do PSdeG-PSOE e parlamentario galego visitou onte A Illa de Arousa para reunirse na confraría de pescadores con mariscadoras locais e percorrer as bateas da zona
27 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O líder do PSdeG-PSOE e parlamentario galego, José Ramón Gómez Besteiro, visitou onte A Illa de Arousa para reunirse na confraría de pescadores con mariscadoras locais e percorrer as bateas da zona. Tras esta toma de contacto directo, Besteiro criticou a Administración autonómica ante o deterioro da ría de Arousa: «O mundo emblemático que é A Illa de Arousa, un centro de produción marisqueira de referencia, está a rexistrar unha caída da produción do 31 por cento por mor da inacción da Xunta de Galicia. Iso tradúcese en máis de 15 millóns de euros perdidos nun ano e case 2 menos para a confraría da Illa».
Besteiro acusa o goberno galego de «políticas ausentes: o saneamento, a recuperación, a evitación das verteduras á ría, o dragado da propia ría, o coidado, o mantemento...» mentres, engade, «obras como a depuradora de augas residuais están a ser afrontadas só polo Goberno de España e polo Concello».
Sobre este último, e en compañía do alcalde, o socialista Luis Arosa, o líder do PSdeG-PSOE eloxiou que o executivo local «recupera terreos embargados aos narcos para facer 70 vivendas sociais e un marabilloso parque para a veciñanza deste concello, ante a ausencia de vivenda pública que o Partido Popular non foi quen de facer».