Luis López di que os alcaldes do PSOE vense en soidade e metidos en leas
27 may 2025 . Actualizado a las 15:19 h.O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, fixo hoxe balance do ecuador do mandato facendo fincapé na «forte inestabilidade» que habería nos concellos de Vilagarcía, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa entre outros na provincia gobernados pola esquerda.
López compareceu na sede da Deputación de Pontevedra —que preside— xunto coa secretaria xeral do PP pontevedrés, Luisa Piñeiro, para falar das fortalezas da dereita fronte ao «desgoberno» da esquerda, e puxo exemplos: «A febleza vese todos os día na xestión da terceira cidade da provincia e incluso hoxe, cando perde conexións de tren con Madrid e admite que non vai poder recuperalas», indicou en alusión ao alcalde de Vilagarcía. No caso de O Grove, comentou que o alcalde atópase «na máis absoluta soidade e non é quen de sacar adiante unha xestión municipal acaída pola súa falta de diálogo con ningún grupo».
Respecto a Cambados di que as «leas e conflitos internos son interminables e darían para un libro e ademais as pírricas cotas de protagonismo dos catro socios de goberno están a provocar unha mala xestión económica e un gasto excesivo e superfluo».
En canto a A Illa, López considera que o goberno vive «nunha situación surrealista e esperpéntica» e que o alcalde socialista «agocha a cabeza» ante o BNG.