«Con rapaces e cun adestrador da casa logramos o noso primeiro ascenso á EBA»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

FBCyL

O presidente do BBC enxalza o éxito inédito no baloncesto masculino de Vilagarcía

03 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Inda non chegou a alegría, seguimos na fase da emoción». O presidente do BBC, Isidoro Canabal, continuaba onte suspendido nunha nube. E non é para menos. Porque poucos coma el, cunha vida enteira no club, saben do valor do ascenso conquistado polo Sigaltec CLB á Tercera FEB, ata hai ben nada liga EBA: «Con rapaces que comezaron no club en minibásket —arredor dun 80 por cento do cadro de xogadores que gañou a final do domingo en Valladolid— e cun adestrador da casa —Luis Gabín— logramos un ascenso que nunca conseguiramos na cancha». Porque, recorda quen estivo alí participando do inicio daquela era dourada do BBC, o salto á EBA a finais dos anos 90 partira dunha praza liberada por un equipo con dereitos deportivos que renunciara a ela, dándolle a oportunidade ao club arousán de escalar á daquela segunda categoría do baloncesto nacional, só por debaixo da ACB. Hoxe son outras dúas as divisións que separan a segunda mellor liga nacional do mundo da futura nova competición do Sigaltec CLB.

Para Isidoro Canabal, que viviu como integrante de sucesivos corpos técnicos do BBC fases de ascenso á LEB, o acadado por Luis Gabín e polos seus pupilos «é o soño feito realidade de Álvaro —Monteagudo— cando colleu o club no ano 2009» tras a renuncia da directiva precedente logo de tomar a decisión de renunciar á EBA tras salvarse nas canchas e despois de sanear a débeda por impagos de patrocinio de Cefrico. «Cando me enterei de que collía el a presidencia chameino para que contara comigo coma directivo. Os dous somos uns convencidos do traballo coa base. Como Espi —Juan Espiñeira, último adestrador do Inelga BBC na EBA e recolocado por Monteagudo como director deportivo do club— e como Manolo Vázquez, un dos fundadores do BBC». Catro anos despois, Canabal asumía unha presidencia que, doce anos máis tarde, lle devolve un soño feito realidade.

«Conseguir que hai unha semana o pavillón estivera cheo para apoiar o equipo é indescritible. Que o mércores seguinte o segundo equipo masculino ascendera no seu primeiro ano de Terceira a Segunda Autonómica e cinco días despois o primeiro á EBA é un soño conseguido con 24 xogadores e todo un corpo técnico da casa con Luis, Espi, Manu Santos e Javi Nogueira —adestrador do segundo equipo—», declara Cabanal.