
Denuncian desorganización, excesos e falta de sensibilidade
27 jun 2025 . Actualizado a las 16:18 h.Somos Ribadumia acusa ao alcalde dun «triunfalismo» excesivo á hora de facer balance da Festa do Viño Tinto do Salnés celebrada este mes. «Que un alcalde fale de éxito dunha festa durante a cal tivemos que a desgraza dunha morte, con demasiadas liortas nocturnas e co entorno do alcalde acaparando titulares por supostamente atacar a un axente da Garda Civil, sen contar os problemas cos hostaleiros e outras queixas variadas, parécemos moi inadecuada. A festa estivo moi lonxe de poder considerarse como das mellores edicións».
Entrando en materia, Somos detalla o que considera foron eivas na organización: critican que houbera menores nos actos oficiais, fallos no servizo de limpeza e mala sinalización do «punto morado» e dos aseos públicos aínda que si aplauden que se instalara un cambiador de cueiros.
Excesivo ruído
«Levamos xa un par de anos recollendo queixas polo excesivo ruído tanto das orquestras como, moi especialmente, das atraccións de feira. Dende o noso punto de vista o goberno debería ler a normativa en cuestión de ruídos, controlar que haxa un pouco de mesura, e dotar un horario de volume reducido para que as persoas con autismo ou outras sensibilidades puidesen tamén gozar das atraccións».
«En canto ao cartel de actuacións, sen desmerecer as orquestras, grupos e dj que viñeron ao longo dos catro días de festa, dende o noso punto de vista un ano máis faltaron outro tipo de actuacións, de máis actualidade e dirixidas a un público máis novo».
Respecto ao xantar de confraternidade, «non podemos compartir a subida do prezo, tendo en conta o que se ofrece».
Somos cualifica de «intolerable» a actitude do Castro cara a hostalería local «deixando tirados aos hostaleiros, que ata tres días antes de empezar a festa non souberon nin o que ían poder facer, nin os horarios que debían respectar» e acúsao de rodearse dun «grupo de matóns» que intimidan aos veciños. «En resumo, a nosa maior festa, referente da comarca, cada ano camiña un pouco máis cara atrás, da man dun xestor que non xestiona e que insiste en crear problemas».