VikingDrama nas Torres de Oeste: «Fronte á invisibilidade na Historia está ben darlle poder as mulleres»

maría santamaría / R. E. CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A directora Marta Pérez é a autora da obra «Agnódice», que xa se está a escenificar para todo o público no histórico recinto de Catoira

31 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte estreouse o VikingDrama: Agnódice nas Torres de Oeste, unha obra realizada pola Escola Municipal de Teatro no marco da Romaría Vikinga. Hoxe os que queiran ver a representación poderán facelo ás dez e media, e o venres será a última oportunidade para gozar dela, ás 23.00 horas.

A autora e directora da obra, que dura unha hora, é Marta Pérez. Luísa Pereira é a axudante de dirección e a peza conta coa colaboración do grupo SomDoLilá.

—De que trata a obra de teatro «Agnódice»?

—É unha ficción que fala da Catoira do século XI na que domina un matriarcado, que recibe aos vikingos. De repente a filla dunha destas mulleres decide que quere estudar medicina e toma de referente a Agnódice, a primeira médica da historia recoñecida. A obra reivindica o poder das mulleres na ciencia.

—Que enfoque lle deu á obra como directora?

—Fixen esta obra pola Romaría Vikinga, quería que tivese un punto enérxico, guerreiro e claramente feminista que amosase o poder das mulleres. Sei que nesa época non había un matriarcado como eu o conto, pero creo que en Catoira as mulleres temos moita forza, quería plasmalo simbolicamente. Sempre se fala dos vikingos, e sempre se obvia que moitas eran vikingas, en feminino. Fronte esa invisibilidade está ben darlle poder as mulleres e homenaxear as nosas devanceiras.

—Canto tempo levan ensaiando?

—Dende abril, xa hai bastante.

MONICA IRAGO

—Cantas persoas hai en escena?

—Participan arredor de 62 persoas, incluíndo música en directo e batuqueiras.

—E cales son as súas idades?

—Hai participantes dende 6 ata 76 anos. Participan as persoas do teatro de Catoira, algúns compoñentes da sección de vento da Escola Municipal de Música de Catoira e xente dos arredores, aínda que case toda provén do propio concello.

—Utilízase algún tipo de decorado en escena?

—Case nada, empregamos o lugar das Torres de Oeste. Buscaba que o impacto viñese dende o propio espazo, que é moi máxico e funciona por si só, non fai falta decorado.