
Bustamante, Mondra, Señora DJ, Arosa Bay e Ainhoa Arteta musicalizarán a festa
13 ago 2025 . Actualizado a las 19:35 h.As festas máis esperadas do verán vilagarcián chegan con grandes expectativas. Dende o xoves da semana que vén ata o domingo 24, a cidade terá un atractivo engadido. Este mércores, a concelleira de Cultura Sonia Outón e o alcalde, Alberto Varela (PSOE), deron todos os detalles da Festa de San Roque. O rexedor anunciou que «van ser 58 actividades en dez días para todo tipo de público, de gustos e de idades». Cunha programación variada, a cidade estará animada cos pasarrúas «practicamente todos os días», segundo comentou Outón. Tamén destacaron como elemento destacado o Festaclown, que será o responsable de encher as rúas de alegría e sorrisos.
Dende o primeiro día, a cousa promete: O pregón desta edición estará a cargo de Gustavo Andújar, un referente do baloncesto arousán e, trala ofrenda floral (21 horas, praza de España), +dMANÁ soará na avenida da Mariña cun concerto tributo.
A música terá un mesmo escenario, o da Xunqueira, pero cada día farense cargo del diferentes artistas: o luns 18, Ainhoa Arteta unirase a personalidades da lírica para unha gala que comezará ás 22 horas. A partir do martes 19 o horario dos concertos fixaráse ás 22.30 horas cos Toreros Muertos; o mércores 20 David Bustamante; o xoves 21 —como novidade— anunciaron ao dúo Marlena. Por último, Mondra será quen remate a programación o venres 22 con seu último disco. Outón convida a todo mundo «a ir de ronda con Mondra porque o van a pasar tremendamente ben», como coas demais actuacións. E, despois Señora DJ levará a festa a Alameda (24 horas).
A tradición da man dos veciños
Ao respecto da Festa da Auga, o sábado 16, Varela comentou que a idea principal é que a celebración «volva ás orixes e que sexa unha festa máis familiar e tradicional, onde os veciños sexan os protagonistas que tiren a auga —unha vez que o santo entre na capela— dende os seus balcóns», priorizando que se garde a esencia das edicións pasadas. A nota musical da xornada estará a cargo de Arosa Bay cun concerto ás 21.30 horas no Salón García.
O Combate Naval, un espectáculo pirotécnico con máis de 150 anos de historia, apropiarase do entorno da praia da Concha-Compostela o día 23. O domingo na Alameda, As Cantareiras Bulideiras terán un lugar especial recordando a homenaxe e o compromiso coas Letras Galegas e as pandeireteiras «coa tradición, coa nosa cultura e nas festas de San Roque teñen que estar presentes», dixo Outón. Logo a festa pechará coa Batalla das Flores, o desfile de carrozas por Vilagarcía ás 21.30 horas.
O programa das festas remata pero quedarán moitas máis actividades para gozar de Vilagarcía no marco do compromiso VGA 365. Varela anunciou «o último do verán que van ser as Revenidas», o festival ten data do 11 ao 14 de setembro e será o broche de ouro logo da Noite das Meigas (30 de agosto), o Folk no Alobre (31 de agosto) e, para completar, o Ameixa Rock (o 6 e 7 de setembro). Varela e Outón subliñaron o esforzo de todos os traballadores municipais para que a xente goce das festas. Agora é momento de anotar todas as actividades para non esquecer de ningunha.