Gus Andújar: «Dende moi cativo tiven a sorte de vivir esta festa con moita intensidade»

G. B. BANDÍN / S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Nas horas previas ao seu pregón, o referente do baloncesto vilagarcián relata o seu vínculo coas Festas de San Roque e as súas emocións

14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo Andújar é un referente do baloncesto vilagarcián. Sen moitos luxos e cunha paixón inquebrantable, será o encargado ese serán do pregón das Festas de San Roque. Agora tócalle saír co micrófono na man para pisar o balcón de Ravella (ás 20.30 horas) coa mesma determinación que tivo na cancha nestes anos de traxectoria. O balón quedará ao lado, pero os valores e a humildade que lle preceden estarán presentes.

—Como recibiu o anuncio que ía a ser o pregoeiro destas festas?

—A noticia recibinlla con sorpresa. O alcalde comunicoume que a corporación pensou en min polo que represento para o baloncesto local. É unha responsabilidade porque estou aquí por ser xogador do club CLB. Ao final non fixen nada excepcional, non teño grandes galardóns. Penso que é polo traballo, polo compromiso e a humildade. Estou moi ilusionado e agradecido por todo o que vai detrás.

—Que representa o pregón?

—Para min, como vilagarcián, é unha honra e como un disfrutón das Festas de San Roque, pois aínda máis. Dende moi cativo tiven a sorte de vivir esta festa con moita intensidade e agora continúoo facendo coa miña muller e os meus fillos.

—Tes algunha anécdota das festas que atesoures?

—Cada ano teño algo especial e agora que son pai, vivir a festa dende dentro cos meus fillos e que a eles lles guste e queiran compartir esas vivencias, é moi bonito. De rapaz teño moitísimas anécdotas: compartir co equipo a cadea humana acompañando a San Roque, falar cos pregoeiros da Festa da Auga. Pero sería complicado escoller só unha.

—Que mensaxe lle gustaría transmitir aos veciños?

—Son moitas emocións pero tentarei transmitir a mensaxe de identidade do CLB coa cidade, os seus valores e o traballo coa canteira que é un tesouro que non se debe perder. Espero conseguilo e que as persoas sintan que o club aposta pola xente local. E despois que gocen da festa con respecto aos demais e con sentidiño.

—Que espera do futuro?

—É importante que isto non quede nunhas simples palabras. Gustaríame ver o pavillón de Vilagarcía enchido de socios animando e apoiando aos rapaces.