O cantante e balarín Xisco Feijoó será o encargado de lanzar o balde que abrirá a batalla da auga na capital arousá
AROUSA
A festa comezará ao mediodía despois do traslado de San Roque á capela
16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Finalmente chegou o día. Aínda que o servizo meteorolóxico anuncie que hoxe hai un 0% de precipitacións, en Vilagarcía non faltará auga. Cunhas temperaturas que chegarán ata os 27 grados, a actividade máis esperada da tempada estival terá un día soñado. Nesta ocasión, a nai natureza non será a culpable do baño que recibirá a cidade.
A Festa da Auga comezará oficialmente despois do traslado de San Roque á capela e seguido do pregón do músico e bailarín Xisco Feijoó. Acompañado da cantareira e percusionista tradicional, Sandra Costa, o artista de Vigo pronunciará o seu discurso e logo botará o primeiro balde de auga á xente, pero ata entón hai que conter a emoción.
Ás 12 horas, a cidade dividirase en dúas zonas: a húmida e a seca. Os asistentes deberán ter claro a cal delas pertencen e comprometerse a gozar da celebración. Aínda que o obxectivo sexa saír empapado da festa, hai que respectar a delimitación imposta. Se deciden participar da batalla campal da auga, algunha das rúas designadas son A Baldosa, Méndez Núñez, Xoán García e Padre Feijoo. Para a recarga das mochilas e pistolas de auga atoparanse puntos habilitados polo Concello. Tal iniciativa pretende evitar que as persoas recollan a que se acumula no chan que poden levar areas, cristais ou outros líquidos que poden mancar ao resto da xente.
Algo imprescindible é seguir as medidas de seguridade. Entre as recomendacións atopase a de prescindir de elementos como vasos de cristal, reducindo as posibilidades de que eses obxectos se rompan e causen prexuízo ás persoas; pódese optar pola alternativa de plástico como no caso dos vasos.
Tamén se aconsella levar calzado pechado para protexerse xustamente desas situacións e dos residuos. Por último, nunha era onde o móbil parece imprescindible na vida, sábese que a auga non é un bo complemento. Por iso, se o pretenden levar consigo, recorden protexelo illándoo cunha funda —onde poden gardar os cartos ou as tarxetas—. A maiores, no caso de emerxencia, chamar ao 112.