Vilagarcía atravesa o ecuador das festas de San Roque deixando unha boa pegada
AROUSA

Hoxe Marlena porá a nota musical e o Festaclown seguirá animando á xente
21 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A celebración vilagarciá comezaba hai unha semana co pregón do ex xogador do baloncesto Gustavo Andújar. Dando renda solta a máis de cincuenta actividades, o ecuador do festexo atravésase despois de moita música, equilibrios, risas e unha choiva creada polo ser humano.
Despois de seis días de grandes propostas, o programa de San Roque segue gardando xoias. Comezando no parque Miguel Hernández, ás 11 horas, Rosa e azul presentaranse no marco do Festaclown social. O espectáculo, a cargo de Pérez & Fernández, é unha obra de narración oral infantil que propón celebrar a diversidade mediante xoguetes e monicreques artesáns. A duración estimada é de 45 minutos e, aínda que a invitación esténdese a todos, o público obxectivo son nenos e nenas de tres a oito anos. Unha hora e media máis tarde e na praza de Ravella, a literatura do rural galego e portugués cobra vida na función Chafallas, a vendedora de fume, de Cris Collazo. A protagonista vai de aldea en aldea levando as historias tradicionais a xente e hoxe arriba en Vilagarcía. Ten a mesma extensión que o show anterior pero amplíase o rango de idade ata os doce anos. Pola tarde (19.30) na praza Galicia desembarca compañía internacional e multidisciplinar Circo Rojo. Cun despregue de diversas técnicas circenses, Del Tingo al Tango é un espectáculo familiar e convida a todas as persoas a revivir a fantasía do teatro. Ás 21 horas haberá dous actividades para que a xente escolla a cal asistir: o pasarrúas do grupo de gaitas Airiños do Carril e Collage, unha exhibición acrobático coa intervención dunha cama elástica e moita música. Estarán na praza da II República.
Por último, o son da festa replicará o éxito de noites anteriores co dúo pop Marlena. Ana Legazpi e Carolina Moyano despregarán o seu talento no escenario da Xunqueira ás 22.30 horas.