O tradicional desfile de carrozas das festas de San Roque cambia o seu percorrido

M. S. / S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

En vez de baixar ata a rotonda do Ramal continuará o itinerario pola rúa Vila Janer

23 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano, o Concello de Vilagarcía decidiu cambiar o percorrido habitual do tradicional desfile de carrozas que pecha das festas de San Roque para facilitar o tránsito de vehículos pola cidade e evitar molestias aos veciños.

Desta forma o desfile sairá, como sempre, o domingo ás 21.30 horas da estación de buses cara Moreira Casal. Pero neste 2025 en vez de baixar ata a rotonda do Ramal continuará pola rúa Luísa Vila Janer e xirará por Santa Lucía. A partir de aí o percorrido mantense: praza da Constitución, avenida Juan Carlos I, Gumersindo Nartallo, praza de Independencia, Padre Feixóo, Edelmiro Trillo e rematará na praza de España.

No desfile participan oito carrozas conformadas por ata un cento de rapaces e rapazas de entre 5 e 15 anos. A maiores, tamén estará presente o grupo de música tradicional Nós, de Sobradelo, os xigantes do concello e os cabezudos do Gato Negro do Carril. Cada carroza terá música en vivo e cada participante irá de acordo coa temática da súa carroza. As que pertencen ao Concello desfilan baixo o nome de Fadas de Primavera, Zapateiro e Trasnos, O templo perdido ou Fantasías orientais. E as que son cedidas ás asociacións: Asociación Cultural Malveiras, Asociación Cultural Lumarada, Asociación de Comerciantes Zona Aberta e Centro Artístico Begoña Fontán, desfilarán baixo as temáticas: A raíña das abellas, Maxia no xardín, O lago dos cisnes e A princesiña.

Como consecuencia do desfile haberá algúns peches e restricións de tráfico na cidade e a partir das catro da tarde do domingo 24 os usuarios deberán retirar os vehículos estacionados en todas as rúas mencionadas anteriormente, a excepción de Vila Janer e Santa Lucía. Tampouco se poderá circular por ningunha das vías mencionadas a partir das 20.30 horas.

A medida que avance o desfile iranse reabrindo as rúas e previamente colocaranse avisos en todas as zonas onde sexa necesario retirar os vehículos para previr a todos os condutores.