
O festival celebraráse esta fin de semana en Vilanova cun potente cartel
26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O blues nace a principios do século XX nas comunidades afroamericanas do sur de Estados Unidos. Co paso do tempo e a mestura con outros xéneros musicais, o estilo evoluciona e emigra ata volverse totalmente internacional e influír en algúns dos xéneros tendencia como o rock ou o R&B.
Esa internacionalización é a que fai que este fin de semana o xénero chegue a Vilanova de Arousa na décima edición do Vilablues, un festival referente en toda Galiza e que a pesar da súa ausencia no 2024, volve con máis forza que nunca. Onte pola mañá tivo lugar a presentación do evento, no porto de Vilanova, coas mariscadoras de fondo e coa participación do cantante do trío Mad Martin, que interpretou a canción Black and white. «Somos blaquitos haciendo música de negros», comentaba entre risas o artista.
Un elenco impresionante
Os concertos terán lugar tanto no escenario Xacobeo, localizado no parque do Cabo, como no escenario Galicia Deleite, na praza do parque. As xornadas musicais comezarán o venres 29 á unha do mediodía na sesión vermú do escenario Galicia Deleite co grupo The Blues Moonshiners e continuará a partir das sete da tarde con The Pontiaks e Mad Max. A noite trasládase ao escenario Xacobeo, onde Adrián Costa Blues Band tocará cun invitado especial, Antonio Casado. Máis tarde será a quenda de Los Deltonos, e por último, pechará a noite o potente espectáculo de Shirley Davis & The Silverbacks.
O sábado, a banda compostelá Malabesta será a que comece a festa ás 13.00 horas no escenario Deleite, e a partir das sete da tarde serán The Suitcase Brothers e Jay Doe & The Blues Preachers os encargados de animar aos veciños e visitantes que se acheguen ao festival. O escenario Xacobeo prenderá as luces ás dez da noite con Nico Wayne Toussaint Band, un mestre do blues que servirá de previa a Gisele Jackson & The Shu Shu's, o grupo cabeza de cartel do Vilablues. A cantante naceu en Norteamérica e foi corista de Ray Charles e James Brown, pero coñeceu a The Shu Shu's en Barcelona, cando o primeiro batería da banda a invitou a tocar nunha jamm session coñecida como Superfly Party. O grupo encargado de clausurar o festival será TT Syndicate, vidos directamente dende Oporto.
O festival tamén conta cun momento especial para os máis pequenos co Vilablues nenos, no palco dos músicos da praza do Parque, aínda que todo o festival está pensado para que as familias poidan gozar da música.
O conxunto de espectáculos é gratuíto e como Gumer Meijón, director do Vilablues, explicaba, isto débese á colaboración da oficina de Turismo de Galicia, que aportou un gran apoio financeiro. O alcalde da vila, Gozalo Durán, agradeceu tamén o labor do director xa que: «En tres semanas hizo lo que no se hizo en todo el año». Gumer Meijón quixo destacar que neste 2025 o festival volve a unha zona onde creen que hai moito público potencial e onde poden volver a crecer.